Duelo interxeracional polo segundo posto na dianteira do XI histórico do Celta: Gudelj contra Pahíño

As lectoras e lectores de 'Nós Diario' elixen na enquisa de hoxe o segundo atacante do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, partindo dunha pequena escolma que protagonizan Ramón Polo, Nolete, Baltazar, Juan Sánchez e Aleksandr Mostovoi.
Dificil escolla a da enquisa de hoxe. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Dificil escolla a da enquisa de hoxe. (Foto: Nós Diario).

Penúltima enquisa de cara á conformación do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta que están votando as lectoras e lectores de Nós Diario. Hoxe é a quenda do segundo atacante.

Nun duelo interxeracional, "Vlado, Vlado Gudelj, Gudelj!" é o único xogador "contemporáneo. O bosniaco chegou a Vigo en 1991 e defendeu as cores celestes durante oito campañas (de 1991 a 1999(, erixíndose en auténtico ídolo da bancada de Balaídos. Nese tempo, anotou 95 goles e foi  o emblema dese equipo pre 'Euro Celta' que logrou o regreso a Primeira División -Trofeo 'Pichichi' de segunda incluído-, a consolidación na categoría e disputar a final da Copa do Rei do 94.

Ante el, catro goleadores dos que o máis pupular é Manuel Fernández, máis coñecido como Pahíño. Vigués, de Navia, debutou en setembro de 1943 e con traballo, calidade, clase, potencia e velocidade marchou de Vigo rumbo ao Real Madrid en 1948 despois de marcar 70 tantos coa celeste, 21 deles só na derradeira, unha tempada 1947/48 que constou de 26 partidos e da que foi o máximo realizador. Logo, militou catro campañas no conxunto branco, unha no Atlético de Madrid, tres no Deportivo da Coruña e unha no Granada, onde colgou as botas no 57. Tamén foi catro veces internacional, cifra que debeu ser moi superior dada a súa condición de mellor dianteiro do seu tempo, pero o seu amor polos libros, a súa condición de home de esquerdas, e o seu carácter contestatario levouno a ter fortísimas discusións coas autoridades deportivas franquistas.

Rogelio Tapia, pola súa parte, era o 'home gol' do primeiro Celta, o da década dos 20, convertindo a estratosférica cifra de 119 tantos en 113 partidos, como revela Yo jugué en el Celta. Autor dun gol cada 85 minutos, deixou o club da súa vida en 1932, colgando as botas o ano seguinte no Lavadores.

O canario Francisco Roig é outro 'clásico' do ataque olívico. Chegou ao Celta nada máis concluír a guerra civil española, permanecendo no club durante unha década, até 1949, tempo no que materializou 53 tantos e a piques estivo de levantar unha Copa do Rei de 1948 que se lles escapou a el e aos seus compañeiros -entre os que tamén estaba Pahíño- na finalísima ante o Sevilla (4-1).

Por último, pero non menos importante, como se adoita dicir, Fernando Rodilla foi un dianteiro vigués que tivo que ir buscar a Asturias as oportunidades que non lle ofreceu o 'seu' Celta, regresando ao club dos seus amores con 20 anos en 1970, un regreso triunfal no que contribuíu nos 28 partidos que disputou a que a escuadra olívica obtivese a primeira clasificación europea da súa historia, formando ao ano seguinte parte das lendas que se estrearon na UEFA. 

Comentarios