Fútbol

VÍDEO | O Deportivo presenta Lucas Pérez en olor de multitudes: "Non veño á Primeira RFEF, senón ao Deportivo"

8.000 persoas dan a benvida ao fillo pródigo.
O de Monelos, bicando o escudo   na súa presentación. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O de Monelos, bicando o escudo na súa presentación. (Foto: RC Deportivo).

Xa non hai volta atrás. O fillo pródigo xa está aquí, e A Coruña deulle en masa a benvida, pois arredor de 8.000 seareiros e seareiras -cifra por enriba de todas as previsións- achegáronse até o Municipal de Riazor para acompañar o dianteiro de Monelos na súa presentación oficial.

A Lucasmanía é total na cidade herculina, e as ventas da camisola branquiazul —por suposto, serigrafiadas co número '7' e o nome do retornado ídolo— multiplicáronse desde a confirmación da súa fichaxe.

Momentos antes do baño de masas, Lucas protagonizou unha rolda de prensa na que afirmou que el non é "ningunha estrela", senón "o mesmo rapaz de Monelos" de sempre, e que o seu único obxectivo é "axudar a volver a Primeira División".

"Cando me din, 'vas xogar á Primeira RFEF', eu respondo, 'é que é o Deportivo...'. Non é Primeira RFEF, para min é o Deportivo", dixo un emocionado Lucas Pérez ante os medios de comunicación.

Joselu e Pantić xa son albivermellos

O Club Deportivo Lugo, consciente de que necesita reforzos que contribúan a elevar o nivel colectivo se quere salvar a categoría e seguir sendo o equipo decano da Segunda División, tamén presentou onte o seu último reforzo.

Trátase dun vello coñecido, José Luís Moreno Barroso 'Joselu', que xa militara na escuadra albivermella en dúas etapas distintas durante os anos 2015 a 2017 e até que sufriu unha grave lesión a pasada campaña 2021/22, nesta ocasión en calidade de cedido polo Tenerife.

Agora, despois dun ano de inactividade a causa dunha grave lesión de xeonllo a comezos de abril de 2022, regresa tras "non escoitar máis ofertas que a do Club Deportivo Lugo".

Con todo, Joselu recoñeceu que, a pesar de notarse "ben" fisicamente, é "imposíbel" que sexa titular até dentro dunhas semanas, pero afirmou que traballara "moitísimo" para recuperar o ritmo de xogo, integrarse no grupo e "aproveitar as oportunidades".

Por outra parte, o secretario técnico do conxunto da Cidade da Muralla, Carlos Pita, a maiores de confirmar a incorporación do defensa serbio ex do Vilarreal, Alavés, Eibar ou Dinamo de Kiev, Aleksandar Pantić -que xa levaba varias semanas a modo de proba-, indicou que a chegada de máis fichaxes dependerá de que se produza "algunha saída" que permita aumentar un límite salarial" que é o máis baixo da Segunda División, con só 4,3 millóns de euros.

Comentarios