Antía Jácome e Adrián Sieiro logran o ouro no europeo de piragua

O betanceiro Iván Fernández acabou en noveno lugar na final de K1 esta segunda feira en Munich.
A piragüista pontevedresa Antía Jácome (Foto: International Canoe Federation).
photo_camera A piragüista pontevedresa Antía Jácome (Foto: International Canoe Federation).

O piragüismo o galego está de parabéns. Os piragüistas Antía Jácome (Pontevedra) e Adrán Sieiro (Poio) conseguiron senllas medallas de ouros en cadansúa categoría no campionato europeo de piragüismo que tivo lugar en Munich.  

A deportista pontevedresa Antía Jácome proclamábase na mañá de onte campioa de Europa na proba de C1 (200 metros), ao imporse ás súas rivais cun tempo final de 48.642, en segundo e terceiro lugar, entraron en meta a ucraína Liudmyla Luzan (49.271) e a croata Vanesa Tot (49.489).

A padexeira do equipo Cidade de Pontevedra tivo que esforzarse ao máximo nunha carreira en que saíu por detrás das súas rivais. Padexada tras padexada foi recortando distancia aos poucos até conseguir a prezada vitoria.

Para Antía esta non foi a única medalla do día. Dúas horas antes, xunto á padexeira madrileña María Corbera, conseguía a medalla de prata na final de C2 (200 metros). A vitoria foi para Hungría, mentres que o terceiro posto sería para a selección Alemá.

Pola súa parte, A dupla formada por Adrián Sieiro e o balear Joan Moreno, funcionou á perfección no día de onte. Desde o inicio da proba, a embarcación en que competía o galego situábase en primeira posición, para non ceder ante os ataques dos seus rivais en ningún momento.

O dominio do galego e do balear traduciuse nun tempo final de 1 minuto 44 segundos e 822 milésimas. 600 milésimas despois, cruzaban a liña de chegada en segundo lugar a parella de Polonia, o terceiro posto sería para Alemaña.

O resultado de Iván Fernández

Tamén no día de onte, o betanceiro Iván Fernández finalizou en noveno lugar na final de K1 (200 metros).

Comentarios