A Galiza torna no epicentro do piragüismo internacional

Os mellores padexeiros e padexeiras do continente están agora mesmo disputando o Campionato de Europa de Múnic, pero iso non será óbice para que seis concellos miñotos se erixan en capital alternativa do deporte grazas á segunda edición do Descenso Internacional Ourense Provincia Termal.
O número de embarcacións ascenderán até as 200, pertencentes a 25 equipos de diferentes países. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O número de embarcacións ascenderán até as 200, pertencentes a 25 equipos de diferentes países. (Foto: Nós Diario)

O río Miño será o escenario de excepción escollido para levar a cabo o próximo domingo, día 21, o II Descenso Internacional de Piragüismo-Ourense Provincia Termal-Memorial Chelís, no que 200 embarcacións e 250 deportistas pertencentes a 25 equipos de diferentes países percorrerán unha vintena de quilómetros atravesando seis concellos ribeiráns, con saída en Ourense e chegada en Cenlle.

O II Descenso Internacional Ourense Provincia Termal, dedicado á memoria do fundador da Escola Ourensá de Piragüismo, José Luis González 'Chelis', está organizado polo Club Piragüismo Ourense e a Federación Galega de Piragüismo, co patrocinio da Deputación e a colaboración da Xunta da Galiza, o Inorde e os concellos de Ourense, Toén, Cenlle, Castrelo de Miño, Barbadas e Punxín.

Os e as participantes comezarán a regata ás 11 horas do domingo desde A Chavasqueira, punto de partida para as categorías K-1 e K-2 sénior, veteranos e xuvenís, mentres que do embarcadoiro de Alongos (Toén) sairán as cadetes, paleo a pé e canoas, cun porteo de 400 metros. A liña de meta estará situada á altura do Hotel Balneario de Laias.

Entre as competidoras destacan figuras a nivel mundial como o tudense Iván Alonso, gañador de nove medallas na modalidade de maratón e subcampión mundial na última cita europea, en xullo en Dinamarca. Xunto a el estarán padexeiros da selección  arxentina, así como representantes de diferentes clubs da contorna como Fluvial O Barco, Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Fluvial Allariz e Piragüismo Ourense.

Durante a presentación do certame, que tivo lugar nesta quinta feira no Pazo Provincial, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Luís Fernández, expresou o seu obxectivo de "converter este descenso nunha proba de referencia, xa que ten moitas fortalezas". Ademais, lembrou que vai servir de preparación para o Campionato do Mundo de Maratón, que se desenvolverá a finais de setembro na localidade portuguesa de Ponte da Lima.

Allariz acolle a 32 edición da clásica regata Festa da Empanada

Por outra parte, o salón de plenos do Concello de Allariz acolleu a presentación da 32 regata provincial de piragüismo Festa da Empanada, proba puntuábel para a Copa Deputación 2022, que será mañá sábado, 20 de agosto. O acto contou coa presenza da segunda tenente de alcalde e responsábel de infraestruturas deportivas, Elena Suárez; o concelleiro de cultura, Alberto Conde; e o presidente do club de piragüismo Fluvial Allariz, José Manuel Fernández.

Este último destacou que no evento decano da Copa Deputación hai inscritos 130 deportistas -73 homes e 57 mulleres-, e que as categorías pre benxamín, benxamín e alevín percorrerán unha distancia de 1.000 metros, os infantís terán que completar 2.000 e os cadetes competirán nunha lonxitude de 4.000 metros. O horario de comezo previsto será ás 11 da mañá.

Comentarios