Fin de semana de trails en Muras, Ponteceso e Malpica

A carreira en Muras, o Trail das Bestas, chega esta fin de semana á súa quinta edición. Na Costa da Morte estréase nos concellos de Ponteceso e Malpica un novo trail.
Corredoras e corredores na anterior edición de Muras (Foto: Enrique Blanco).
photo_camera Corredoras e corredores na anterior edición de Muras (Foto: Enrique Blanco).

Na xornada de onte presentouse na área recreativa da Veiga, en Muras, a quinta edición do Trail das Bestas, que terá lugar o domingo 17 de xullo e que conta, a escasas horas de fecharse o prazo de inscrición, con 350 persoas anotadas. A proba ofrece catro modalidades de participación.

Terá 43 km, 27Km, 14 km e andaina,  para facer camiñando, cun percorrido tamén de 14 km.  A organización destacou que nesta quinta edición a Serra do Xistral ten maior protagonismo en todos os itinerarios, reforzando a visibilidade deste espazo natural emblemático.

Así mesmo, atendendo ás previsións meteorolóxicas, prevese un reforzo dos puntos de avituallamento e a presenza dun equipo sanitario que desenvolverá unha labor preventiva. 

Como en anteriores edicións, ponse especial atención na conservación dos espazos naturais polos que transitará a proba, limitando o trazado a espazos nos que non ten impacto o tránsito dos corredoras e corredores e revisando os itinerarios ao finalizar ao evento.

O punto de referencia da proba será a contorna da área recreativa da Veiga, que reúne todos os servizos para as persoas participantes e acompañantes, con espazo dispoñíbel para aparcamento de turismos e caravanas, ademais dunha piscina.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, mostrouse satisfeito de “poder levar adiante un ano máis o Trail das Bestas, unha proba deportiva que contribúe á promoción dos recursos naturais do concello, poñendo en valor as paisaxes da Serra do Xistral e das fragas do Eume, e a propia área recreativa da Veiga, que conta cuns espazos magníficos para o lecer ampliados nos últimos tempos coa apertura da piscina municipal”. 

I Trail Costa da Morte

Dunha proba consolidada a outra que nace. Trátase do 'I Trail Costa da Morte. Os nosos faros' que partirá o 16 de xullo ás 9.30 horas dos cantís de Nariga e rematará en Malpica. Serán 18, 2 km. de roteiro salvaxe que pasarán polo alto de Seiruga e continuará por camiños de Beo e enfila unha agreste suba ao máximo punto de altura do cabo Santo Hadrián, fronte ás Illas Sisargas, para descender logo á ermida e acelerar cara a Seaia e os seus areais.

Despois, unha senda peonil dirixe cara á vila de Malpica e o seu paseo marítimo, onde accederán os participantes á meta situada na praza do concello.

Comentarios