O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolle en Pontevedra a VII Festa do Atletismo da Galiza

Satisfacción polas medallas en Santander.
O atleta galego Jacobo Soler. (Foto: Federación Galega de Atletismo)
photo_camera O atleta galego Jacobo Soler. (Foto: Federación Galega de Atletismo)

O Club Atletismo Rías Baixas, da parroquia pontevedresa de Cerponzóns, será o encargado este ano de organizar mañá a sétima edición da Festa do Atletismo Galego. Por este motivo, reunirá en Pontevedra a decenas de atletas con varios premios en liza. 

As competicións, que se desenvolverán na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), serán en categorías masculina, feminina e mixta en idades cadete, sub-16 e absoluta. Incluirán disciplinas de velocidade como os 150 metros lisos, os 200 metros valados, os 300 metros e a de 4x200; carreiras de medio fondo como os 600 metros, os 1.000 metros, e os 1.500 metros obstáculos, ademais do salto de lonxitude e o lanzamento de martelo de tres quilos.

Desta vez, o formato de competición, no caso dos lanzamentos e os saltos, está limitado a un máximo de 16 deportistas por disciplina, mentres que nas substitucións está permitida agora a inscrición de atletas de diferentes clubs do país. 

Balance positivo no Campionato de España

Desde a Federación Galega de Atletismo amosan a súa satisfacción polos resultados do Campionato de España disputado esta fin de semana e con participación galega de atletas Sub-23 en Santander que se saldou cun balance total de catro medallas e catorce postos de finalistas.

"O máis salientábel foi o título logrado polo velocista Jacobo Soler, quen nun fantástico campionato lograba parar o reloxo nun menos extraordinario 47.06", afirman nun comunicado. 

Ademais salientaban as medallas de Elian Numa, Uxía Sureda e Irene Gómez, xunto ao bo papel na competición, entre outras, de Eva Queimaño, Olaia Guisela Becerril e Andrea Villaverde.

Comentarios