A selección galega de trail xa ten combinado para o Estatal de Berga

A Irmandiña debuta nun Campionato de España
O evento terá lugar o 7 de maio (Foto: Nós Diario).
photo_camera O evento terá lugar o 7 de maio (Foto: Nós Diario).

A selección galega, que se estrea no Campionato de España de Trail que se disputará na localidade catalá de Berga o 7 de maio, xa ten nomes propios.

A proposta do responsábel de Trail Running e do director Técnico da Federación Galega, dito ente fixo pública unha listaxe composta por un total de 12 atletas, seis da categoría masculina e outras tantas da feminina, que lograron a súa clasificación de modo directo no pasado Campionato da Galiza de Trail. 

A proba galega desenvolveuse na Serra do Barbanza, e na mesma proclamáronse gañadoras Daniel Paz e unha Verónica Calvo que, lamentabelmente, non poderá desprazarse até Cataluña por motivos laborais, recaendo a responsabiliade de liderar a Irmandiña sobre os ombreiros da subcampioa no Galego, Carla Trillo.

Este evento suporá o debut da selección nacional nun Campionato de España que alcanza neste ano 2022 a súa cuarta edición. Ao longo das mesmas, o combinado catalán, con catro títulos, sitúase á fronte do palmarés, seguida das Seleccións de Valencia e Euskadi, cun cada unha.

Con esta nova aposta federativa, a selección galega de trail running únese a outros combinados nacionais baixo o paraugas do atletismo, como a de campo a través, a escolar, a de marcha ou a de probas combinadas.

O obxectivo, medrar

A meta da Irmandiña neste torneo, tal e como apuntaron desde a Federación Galega, non é outra que "a de representar unha modalide atlética en importante crecemento no noso país grazas, en parte, ás excelentes condicións xeográficas e orográficas coas que conta a Galiza, así como ao gran número de afeccionados e afeccionadas que buscan, ademáis de deporte e novos retos, unha contorna e un espazo natural diferente e motivador".

Comentarios