A fenda de xénero no deporte, a debate na Coruña

A palestra está programada o 14 de marzo.
Irene Ferreras, adestradora do Dépor, participará no acto. (Foto: RCD/Susi García).
photo_camera Irene Ferreras, adestradora do Dépor, participará no acto. (Foto: RCD/Susi García).

A fenda de xénero no deporte será o eixo central arredor do cal se articule unha palestra que se desenvolverá integramente a próxima quinta feira, día 14 de marzo, a partir das 19.30 na Coruña, concretamente no edificio da Fundación Luís Seoane.

Organizada pola Deputación herculina, en colaboración coa Fundación do Real Club Deportivo, a actividade é gratuíta e aberta ao público até completar a capacidade, non sendo necesaria a inscrición previa.

O simposio enmárcase nos actos programados pola institución arredor do Día Internacional da Muller Traballadora, e no mesmo as poñentes abordarán diferentes situacións de desigualdade que hoxe en día persisten no mundo do deporte feminino, como a fenda salarial das deportistas, a escasa presenza de mulleres no persoal directivo dos organismos deportivos ou a linguaxe de xénero, entre outros.

O papel da muller no deporte, que en moitas ocasións é relegada a un segundo plano, será outra das temáticas a analizar na programación, perpetuando así espazos moi masculinizados, como se resalta na reportaxe a carón de estas liñas.

A xornada contará coa participación de mulleres destacadas no mundo do deporte, como a xornalista deportiva e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Claudia López, quen impartirá a conferencia inaugural sobre 'A linguaxe sexista na comunicación deportiva'.

Inmediatamente despois será a quenda dunha mesa redonda coa participación da adestradora da sección feminina do Deportivo, Irene Ferreras; a campioa de España de xavelina, Carmen Sánchez; a cofundadora e directiva do Hockey Club Coruña Feminino, Mar Barcón; a futbolista do Dépor Lía Muíño; a ex xogadora internacional de rugby e directora técnica e vicepresidenta do CRAT A Coruña, Elena Roca; e a directora do dixital As Nosas, Silvia Carregal, quen moderará o encontro.

Axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Deixando a un lado esta actividade organizada pola Deputación da Coruña, a Vicepresidencia da súa homóloga lucense publicou esta segunda feira as bases das axudas para clubs e entidades deportivas, unha liña de subvencións que destinará até 600.000 euros para financiar a actividade competitiva e a organización de eventos.

Comentarios