Fútbol

Irene Ferreras viaxa a Logroño cun Dépor moi ambicioso: "Estou aquí para conseguir o ascenso"

A adestradora do Dépor feminino, Irene Ferreras, afronta con optimismo mais con cautela a cita deste domingo na visita que o seu equipo realizará á Rioxa. En conversa con 'Nós Diario', repasa a traxectoria do conxunto branquiazul e a situación do fútbol feminino.
Irene Ferreras, adestradora do Dépor, participará no acto. (Foto: RCD/Susi García).
photo_camera A responsábel do corpo técnico do Dépor, Irene Ferreras, adestrando nas instalacións de Abegondo, na comarca da Coruña. (Foto: RCD/Susi García).

O Dépor feminino continúa disposto a demostrar o seu bo estado de forma e terá outra oportunidade este domingo para sumar puntos na súa visita ao DUX de Logroño (Cidade do Fútbol de Pradoviejo, 17 horas). Desde o inicio da liga contou os partidos por vitorias. Desta maneira desfíxose do CE Europa en Barcelona e Atlético de Madrid B en Abegondo, quedando á fronte da Primeira Federación con 6 puntos, os mesmos que o Alhama CF. 

Parte importante do mérito deste equipo é da súa adestradora, Irene Ferreras, que chegou á Coruña ao inicio da tempada pasada co claro obxectivo de levar de novo as xogadoras herculinas á máxima categoría do fútbol estatal. Ademais, era a primeira técnica que dirixía o conxunto, algo máis que simbólico nos tempos que corren. 

O ascenso como obxectivo

En conversa con Nós Diario, Ferreras admite que o reto desta tempada segue a ser “o ascenso, non teño ningún problema en recoñecer que estou aquí para conseguir estar na máxima categoría”. Lembra que a tempada pasada “traballouse ben e estivo perto” polo que para esta permanece centrada “en controlar todo o que estea na miña man. Logo o fútbol dá a razón e outras veces non”. 

A técnica deportivista segue satisfeita da entidade á que chegou o ano pasado e considera que o club herculino “fixo as cousas ben en relación ao fútbol feminino, foi de menos a máis e con feitos ademais de palabras”. Por este motivo, séntese “cómoda nun proxecto e nun modelo de xogo” como o que ten na Coruña. 

Sobre o papel de “favoritas” para rematar nesta categoría na primeira posición, Ferreras explica que na actual competición é moi difícil atopar “equipos favoritos, xa non hai aquelas goleadas de antes e hai que xestionalo en cada partido”. Advirte que faltan moitos encontros “e haberá todo tipo de momentos, con mellor ou peor fútbol, o importante é acertar nos detalles relevantes do xogo para poder levar os mellores resultados”. Pon como exemplo a tempada pasada. "Non sabes nunca quen se pode meter na loita polo ascenso", conclúe. 

Gañar ao “rochoso” DUX

Na capital da Rioxa, o Dépor atoparase un DUX Logroño que Ferreras define como “rochoso” xa que desde o ano pasado “mudou a súa filosofía de xogo”. A adestradora deportivista lembra que foi nese estadio onde as herculinas quedaron ás portas do ascenso e non se fía dos resultados que tivo nas dúas primeiras xornadas, que rematou con sendas derrotas o equipo local. “Conta con boas futbolistas e é un campo sempre complicado polo que probabelmente non nos deixen xerar moito. Será un partido moi igualado”, vaticina. Porén, o Dépor sábese para o domingo "con posibilidades, estamos concentradas e sabemos que temos capacidade para levarnos a vitoria".

Normalizar o fútbol

Ferreras non considera “normalizada” a súa profesión como técnica deportiva, como tampouco a do fútbol feminino en xeral, “malia que hai algúns cambios” nos últimos anos. Porén, lembra que “se ollas a proporción de adestradoras nos equipos seguimos a ser unha minoría moi grande”. A madrileña non esquece os seus inicios “cando xogaba de pequena no parque, sempre con nenos e sen ter daquela referentes femininos”. A súa vida mudou coa entrada en 2003 no Rayo Vallecano, onde chegou a formar parte do primeiro equipo, e comezou unha andaina profesional que a levou a rematar xogando no Atlético de Madrid. “Tiven a sorte de que na casa contaba cunha educación igualitaria, mais na sociedade naquela altura non estaba ben visto que unha muller xogase a fútbol”, admite. 

Tras unha lesión, dedicouse por completo a adestrar, unha práctica que comezou cando aínda xogaba, pasando por equipos como o Valencia CF ou o Real Madrid, até viaxar á Coruña. “Tampouco foi sinxelo ser técnica e cando comecei non coñecía ningunha que vivira adestrando neste deporte”, relata. 

Ferreras, en relación ao fútbol feminino, non é allea a todo o que aconteceu despois da final da Copa do Mundo que decorreu en Australia que derivou na dimisión de Luis Rubiales, nese momento presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), ademais da destitución do adestrador Jorge Vilda. “O que pasou durante estas semanas supón un antes e un despois para o noso deporte”, considera a adestradora branquiazul, “creo que xerou un importante precedente co impacto que tivo a consecución do Mundial e a posterior reacción que tiveron as xogadoras para colocar os límites necesarios”, engade. 

Porén, a técnica do Dépor entende que con esta situación creada "mudarán moitas cousas a mellor, mais haberá outras moitas polas que teremos que seguir loitando agora". Neste sentido, demanda ás xogadoras e aos clubs de fútbol feminino "xuntarse para seguir reivindicando cousas que deberían ser normais, como que se nos valore e poder contar cos recursos necesarios para ser o máis profesionais posíbeis".

Comentarios