Falece o saltador vigués Francisco Castrillo

Participou oito veces en competicións internacionais e foi campión estatal en pista cuberta.
Francisco Castrillo, nunha competición na década de 1960 (Foto: Alfonso Posada).
photo_camera Francisco Castrillo, nunha competición na década de 1960 (Foto: Alfonso Posada).

A Federación Galega de Atletismo vén de anunciar o pasamento de Francisco Castrillo (Vigo, 1952), quen fora saltador de triplo na década de 1960.

Castrillo finou na pasada segunda feira, 19 de abril, á idade de 69 anos. "A súa traxectoria está ligada ao sector dos saltos horizontais", salienta, a través dun comunicado, o ente regulador do atletismo na Galiza.

Médico de profesión, Castrillo destacou nesta disciplina atlética e participou en oito ocasións en competicións internacionais, cinco delas ao aire libre e tres en pista cuberta.

"Na súa etapa escolar no colexio dos Xesuitas, sería descuberto por Alfonso Ortega, quen de maneira inmediata vería as excepcionais cualidades innatas que amosaba e que o conducirían até o Real Club Celta", lembra a Federación.

A finais dos anos 60 obtivo unha beca na Residencia Joaquín Blume de Madrid, "na que ficaría por un espazo de catro anos durante os cales logrou varios títulos de campión estatal nas categorías inferiores e absolutas tanto de aire libre, como de pista cuberta".

Récord galego durante catro décadas

O 2 de outubro de 1974, cando militaba nas filas do CUA de Compostela, Castrillo logrou na pista universitaria da capital galega o que foi o seu mellor salto no concurso de triplo: 16,05 metros.

Esta marca, lembra a Federación, "sería récord galego até a chegada do actual plusmarquista Alfonso Palomanes", cun rexistro de 16,06, en 2013. Tamén acadou a mellor marca na pista cuberta, "cun salto de 15.56 metros en 1975" co que se proclamou campión estatal.

Comentarios