Noia recibe o mellor dos 10.000 metros no Memorial Alejandro Gómez

O Campionato Galego homenaxea o desaparecido atleta olímpico.
O fondista Alejandro Gómez (Foto: Celta Atletismo).
photo_camera O fondista Alejandro Gómez (Foto: Celta Atletismo).

Un total de 45 especialistas teñen unha cita mañá nas pistas de atletismo de Noia para disputar o Campionato da Galiza dos 10.000 metros lisos absolutos e dos 5.000 Sub-20 e Sub-18, que este ano levará o nome de Memorial Alejandro Gómez en recoñecemento ao recentemente falecido atleta olímpico pontevedrés.

Entre a relación de participantes dunha proba que poderá seguirse a través da canle oficial de Youtube da Federación Galega de Atletismo a partir das 10.30 horas está Esteban Iglesias, do Lucus Caixa Rural, quen lograra a segunda praza na última edición da proba, disputada no ano 2019 en Marín. Xunto ao actual subcampión tamén estarán sobre o sintético Kevin Darriba, do Lucus Caixa Rural, quen fora prata Sub-20 na última edición; e José Carlos Ferreira, do Veteranos de Samil, que defenderá o título de campión galego Máster-45.

Precisamente, o campión de España Máster de media maratón en 2019, Jorge Crespo (Atletismo Sar), así como o atleta do ADAS Proinor Iván Roade,  serán outros dos participantes a ter en conta neste certame.

No que respecta á categoría feminina, ante a baixa de última hora da lucense Marta Casanova, do ADAS Proinor, novamente será a Máster Soledad Castro Soliño (Comesaña SC) quen asuma o protagonismo na proba. A atleta internacional, múltiple campioa de España e da Galiza, conta no seu haber con importantes éxitos no panorama internacional, entre os que destacan o Campionato de Europa dos 10.000 metros, modalidade na que se proclamou campioa do mundo.

Xunto a ela tomará parte unha auténtica lenda do deporte do país, a olímpica en Atlanta '96 Julia Vaquero. De igual modo, o que fora bronce no campionato estatal de maratón no ano 2011, Yolanda Gutiérrez (Coruña Comarca), formará parte do grupo de participantes que serán da partida dunha carreira que, ademais de Alejandro Gómez, tamén servirá para homenaxear o recentemente falecido Polo Rey, o gran dinamizador do atletismo en Noia.

Galiza, con 12 opcións no Estatal de Montaña

Un total de 12 atletas galegos e galegas conforman a expedición que viaxará mañá até terras cántabras para tomar parte na XVI edición do Campionato de España de Montaña-Trail Running, que se estenderá durante toda a fin de semana.

Ao Concello de Liencres acudirán catro atletas da Sociedade Deportiva Compostela, que estará representada por Paula Ramos, Brais Pérez, Iván Abeledo e Jordi Carrasco. Outro dos clubs presentes será o Club Deportivo Biosbardo de Lugo, fundado no ano 2016, e que envía até Cantabria Jonathan Pérez, Eneko Hurtado e Iván Sanguiao. 

Xunto aos citados estarán tamén Esther Bouso, do Club Samertolameu; Rubén Martínez, do Atletismo Negreira; José Benito Gómez, do Ourense Atletismo; o atleta independente Aythami López e o subcampión estatal Máster-60 do ano 2019, o deportista do Club Atletismo Friol Nemésio Gutiérrez.

As principais rivais dos deportistas galegos serán, na categoría feminina, Virginia Pérez -a vixente campioa-, Nuria Gil ou Julia Font, mentres que na masculina os nomes máis destacados son os de Oriol Cardona -bronce mundial e campión do mundo de seleccións-, Pablo Villa -campión de España en 2018- ou os irmáns Fernando e Iván Sainz, que contan coa vantaxe de competir ante o seu público.

Comentarios