Iván García: "O tempo adestrando sen competir estase traducindo en bos resultados"

O taekwondo é un deses deportes que non adoitan copar portadas fóra dos Xogos Olímpicos, pero de cando en cando xorden deportistas como Iván García (Marín, 1997) que cos seus extraordinarios resultados obriga aos medios de comunicación a informar dunha disciplina en franca expansión.
O deportista galego, lucindo a súa medalla do Open de Turquía. (Foto: Fegata).
photo_camera O deportista galego, lucindo a súa medalla do Open de Turquía. (Foto: Fegata).

Na actualidade está nun gran estado de forma, certificado con senllas medallas de prata no Open de Sofia e no de Alemaña, e cun ouro no de Turquía. Como conseguiu alcanzar este nivel?

Tiven moito tempo de adestramento sen competición, e ao adestrar tantísimo e acumular tal volume de traballo o que pasa é que, chegado o momento de baixar a carga e enfocar ese traballo cara a competición, todo se traduce en resultados positivos.  

Superou mesmo medallistas olímpicos nas devanditas competicións. Séntese no mellor momento da súa carreira?

Non, ese está por chegar (ri). Teño moitas aspiracións de chegar aínda máis arriba.

Esta progresión que está a demostrar coincide coa tempada na que volveu á casa desde a Residencia Blume. Por que o cambio e o regreso a Pontevedra? Os resultados parecen certificar que foi unha boa decisión.

O regreso foi por circunstancias persoais, e nótase moito o que é estar preto da túa xente, faime moi feliz. De todos os modos, eu marcho un ano para Madrid, mais toda a miña carreira anterior a 2020 foi aquí, co meu adestrador, cos meus compañeiros e cos meus amigos, porque levamos tantos anos xuntos que somos iso, amigos. Xa que logo, aínda que en Madrid fun moi feliz, este cambio axudoume a sentirme máis tranquilo nalgúns aspectos, e máis neste contexto sanitario tan complicado como é o actual, permitíndome render perfectamente semana a semana. Aí están os resultados.

Como foi ese cambio na rutina de adestramento de Madrid á de Pontevedra?

Algo totalmente distinto. En Madrid fan un sistema máis enfocado no traballo das persoas que xa estaban clasificadas, ou a piques de facelo para os Xogos Olímpicos, mais aquí, por sorte, podo xestionar co meu adestrador dun modo máis individual cara ao que eu necesito. Ademais, alí trabállase moi enfocado no físico, aínda que moi intensamente, e aquí en Pontevedra incídese máis na táctica. Tamén teño máis liberdade de decisión, á hora de xestionar os adestramentos, porque en última instancia eu son graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así que coa axuda do meu adestrador, que sabe mellor que ninguén o que necesito, xestionámonos dándonos feedback continuo para medrar e facelo o mellor posíbel.

Botando a vista atrás, en Madrid estivo durante un ano no que viviu de pleno o estoupido da pandemia. Como levou esa situación estando lonxe da casa?

Tivemos unha competición e volvemos para a Blume, a preparar outro torneo ao que tiñamos previsto saír nunha quinta feira, e xusto o día anterior, na cuarta, dixéronnos “oes, que se fecha Madrid porque parece que a cousa esta da pandemia se agrava, así que todos para a casa”. Polo tanto, volvemos esa mesma cuarta feira pola noite e quedamos sen viaxar a Bruxelas para esa competición, cambiando por completo unha rutina na que pasamos de estar competindo dúas ou tres semanas ao mes a estar encerrados por completo.

Como desenvolveu o seu traballo neses primeiros meses de confinamento estrito? 

Por sorte son unha persoa á que lle encantar adestrar, todo o que é o deporte, e que pode practicalo en calquera momento e lugar, así que xunto coa miña irmá, que tamén fai taekwondo, adestramos pensando en que a cousa duraría pouco, un par de semanas talvez. Logo, cando vimos que a situación se alargaba, baixei o número de sesións, porque traballar na casa era complicado, pasando a facer máis traballo de forza, xa que aínda por enriba todo coincidiu co meu ascenso a unha categoría superior, o que me requiría estar moito máis forte que antes.

Como se levan os protocolos sanitarios nun deporte de contacto como o seu? 

No Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra temos certa liberdade. Por exemplo, temos permitido adestrar sen máscara, pero por precaución nós usámolas. Ademais, temos xel, pasamos tests semanais, constantes controis de temperatura... así que imos seguindo os protocolos que a Xunta da Galiza nos indica, e de momento vai ben a cousa.

Recentemente participou en numerosas competicións en diferentes países estranxeiros. Hai moitas diferenzas nas medidas sanitarias que se adoptan alí con respecto ás nosas? 

Depende do lugar. Por exemplo, en Bulgaria entendo que a situación debe estar ben, pois a xente non levaba máscara pola rúa e víase despreocupada. Polo contrario, tres días despois viaxamos a Turquía e era xusto o contrario, todo xente con máscara en interior e exterior, máximo coidado, pasando probas continuamente.

De feito, alá en Estambul a expedición galega viu como unha compañeira, Arlet Ortiz, era diagnosticada como positivo en pleno Open de Turquía... 

Si, foi algo que aconteceu de súpeto, que non esperabamos para nada. Estaba a piques de saír a combater nos cuartos de final e inmediatamente viñeron buscala, levárona e non volvemos saber nada máis dela de modo presencial.

Comentarios