A eterna capitá do Burela, Peque, deixará o equipo ao final da tempada

Fecha unha etapa de dez anos defendendo a laranxa.
Peque arela levantar a Liga como último título coa escuadra galega. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera Peque arela levantar a Liga como último título coa escuadra galega. (Foto: Pescados Rubén Burela)

Fin dunha era. Patricia González, 'Peque', a eterna capitá laranxa, deixará o Pescados Rubén Burela cando conclúa a presente tempada.

A madrileña chegou á Mariña en 2011, permanecendo no club galego durante cinco anos, até que fixo as maletas en 2016 para vivir unha breve experiencia no fútbol sala italiano, concretamente no Ichussa Sinnai e o FF Cagliari. Despois, regresou a Burela en 2018, iniciando un lustro de ouro no que se erixiu como unha muller chave no mellor momento histórico do Pescados Rubén.

En total, durante as súas dúas etapas Peque levantou catro ligas españolas, seis copas da Raíña, cinco Supercopas, outras tantas copas da Galiza e a Futsal Women's European Champions, deixando tras de si un legado que levou o seu aínda equipo a definila como "a mellor xogadora do mundo".

Ademais, organizaranlle unha homenaxe que terá lugar este sábado, no que o Burela despedirá a tempada como local ás 18 horas da tarde contra o Gran Canaria.

Nese choque tratarán de apurar as súas últimas opcións de rematar en primeira posición unha fase regular da Primeira Federación Futsal, algo para o que non só precisan gañar, senón que tamén dependen de que as coruñesas do Viaxes Amarelle dean a sorpresa impoñéndose no Pavillón Sagrada Familia ao todopoderoso Futsi Atlético Navalcarnero (sábado, 18.30 horas), que supera o Burela en catro puntos cando só restan seis por disputar.

Outros partidos da xornada

Quen terá os ollos en ambos os partidos anteditos será o Poio Pescamar, segundo clasificado a tres puntos do Navalcarnero e con dous de vantaxe sobre o Pescados Rubén, que disputa un derbi na casa do Marín ás 17 horas da tarde deste sábado.

Por último, un Ourense Envialia que non se xoga nada recibe á mesma hora o Leganés.

Comentarios