A CRÓNICA | Así foi a vitoria do novo Celta de Giráldez: a valentía do conxunto celeste tivo premio no Sánchez Pizjuán

A vitoria do Celta deu tranquilidade ao conxunto con cinco puntos sobre o Cádiz, que marca o limiar do descenso. Ademais, deixou ao equipo por diante do Rayo -cun partido menos os de Vallecas- e a un punto do propio Sevilla, que descende ao barro e entra tamén na loita pola permanencia.
Larsen anotou o gol da vitoria do Celta en Sevilla (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Larsen anotou o gol da vitoria do Celta en Sevilla (Foto: AFP7 / Europa Press).

A andadura do novo Celta de Claudio Giráldez comezou cunha remontada a domicilio no primeiro encontro co adestrador do Porriño (comarca de Vigo) a cargo da escuadra celeste. O galego apostou por un valente 1-3-4-3 e polo dominio da pelota na súa primeira aliñación.

Porén, a tarde non comezou con bos presaxios para os vigueses, que precisamente acusaron desa teima por manter a posesión no minuto 19, cando nunha mala saída de balón, En-Nesyri roubou o control da pelota a Unai Núñez e ficou só antes Vicente Guaita.

O dianteiro sevillista empurraba o coiro ao fondo da rede e adiantaba ao seu equipo provocando a ledicia do Sánchez Pizjuán. Con todo, non se veu abaixo o Celta, e os de Giráldez mantiveron a filosofía coa que saíron ao céspede da capital andaluza.

Pouco despois do gol chegou un novo contratempo para o conxunto celtiña. A lesión de Manquillo, que intentou continuar no campo, obrigou Giráldez a realizar a súa primeira substitución como técnico do equipo celeste. Así, no 27 saíu ao campo Carles Pérez, algo que acentuou a vocación ofensiva dun xa de por si valente Celta.

O Celta mostraba unha boa cara e as ocasións eran para os galegos. Tívoas o conxunto celeste a través de dous disparos de Fran Beltrán, tamén Larsen estivo a piques de bater a Nyland en dúas ocasións, e Sotelo mandou o balón pegado ao pau. Con todo, o resultado mantívose cunha vitoria pola mínima do Sevilla ao descanso.

Acabou a primeira metade con dúbidas na bancada sevillista a pesar de que o seu equipo ía por diante. A presión dos seareiros e das seareiras andaluzas fixo que os andaluces saísen con máis forza na segunda metade. Mais no minuto 51 un remate de Iago Aspas que se marchou por pouco volveu meter o medo no corpo aos de Nervión.

As ocasións e os erros defensivos comezaron a chegar polas dúas partes. Larsen tivo outra clara para o Celta, e inmediatamente respondía Isaac para o Sevilla nun disparo que repelu Vicente Guaita. Despois, Ocampos estivo a piques de selar un segundo gol para os andaluces, xusto antes de ser substituído por Quique Sánchez Flores, que tamén sacou do campo ao goleador En Nesyri.

Non tomou ben este último o troco, que tivo lugar no minuto 61, o que lle levou a encararse co adestrador. A tensión foi tal que obrigou a Lucas Ocampos a ter que separalos. Entraban no campo Suso e Lukébakio. Pola súa parte, Giráldez, xa no 67, sacou do campo a Domínguez e Sotelo, dando entrada a Starfelt e Jailson.

Sentaron ben os cambios ao Celta, que tres minutos despois, no 70, conseguiu empatar o partido con gol de Carles Pérez. Un balón chegou en profundidade para o catalán pola banda dereita, quen, con extremada calidade, recortou cara a dentro e disparou un mísil desde a esquina da área que se colou pola escuadra.

Tras o gol, os equipos volveron facer dobre cambio. Polo Sevilla, no 74, entraron Pedrosa e Jordán, mentres que saíron Óliver Torres e Gudelj. Un minuto despois, Giráldez introducía no rectángulo de xogo a Damián e a Cervi en troques de Unai Núñez e Hugo Álvarez.

As mudanzas no 11 volvían sentar ben aos vigueses, que no minuto 78 selaban unha remontada para un debut soñado do novo adestrador celtiña. Larsen, que non parou de intentalo durante o partido, obtiña finalmente o seu premio.

Nunha contra do Celta, o balón chegou ao veloz Jonathan Bamba, que centrou o balón desde a banda esquerda. Na área, Larsen conectaba o balón de calcaño para bater ao porteiro sevillista cunha extraordinaria mostra de calidade nun remate que fixo o delirio dos seareiros e seareiras galegas que se desprazaron ao Sánchez Pizjuán.

Tres minutos despois Lukébakio caeu na área do Celta, e o árbitro, entre dúbidas, rematou por pitar penalti tras tardar moito en tomar unha decisión. Os xogadores do conxunto galego, que non se crían o que estaban vendo, rodearon ao colexiado. Con todo, até nisto comezou con bo pé a época de Giráldez ao mando do equipo, pois tras consultar o VAR a instancias de Del Cerro Grande, Hernández Maeso rectificou. Continuaba o xogo co Celta por diante.

Oito minutos de engadido ao chegar o 90, mais o Celta foi forte e non concedeu opcións ao Sevilla. Centos de seareiros e seareiras do Sevilla abandonaban o campo antes de tempo, mentres que o resto pitaban ao seu equipo. A vitoria do Celta deu tranquilidade ao conxunto con cinco puntos sobre o Cádiz, que marca o limiar do descenso. Ademais, deixou ao equipo por diante do Rayo -cun partido menos os de Vallecas- e a un punto do propio Sevilla, que descende ao barro e entra tamén na loita pola permanencia.

Comentarios