Fútbol | 1ª División

Claudio Giráldez xa exerce como técnico do Celta e promete "valentía" no xogo

"Imos intentar ser sempre protagonistas", salientou o adestrador celeste.
Giráldez xa exerce como técnico celeste. (Foto: RC Celta).
photo_camera Giráldez xa exerce como técnico celeste. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta de Vigo presentou Claudio Giráldez, o que será o seu novo adestrador, en principio, e se uns hipotéticos malos resultados non acaban precipitadamente coa súa traxectoria no banco celeste, até o próximo 30 de xuño, data na que finaliza o seu actual contrato.

Unha vez que rematou de dirixir a súa primeira sesión como preparador celeste, o responsábel técnico do filial até hai tan só dous días foi presentado oficialmente nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo director de Fútbol da entidade olívica, Marco Garcés.

O mexicano comezou a súa intervención recoñecendo que foi "moi duro" tomar a decisión de despedir Rafa Benítez, apostilando que a derrota ante o Real Madrid non foi a causa última do seu adeus, senón o "desapego entre as expectativas e os resultados reais". No extremo oposto, considerou un "motivo de ilusión" ter a oportunidade de abrirlle as portas "a un home da casa" como é Claudio Giráldez.

Este, quen aos 36 anos afronta a súa primeira experiencia nun conxunto profesional menos dun lustro despois de debutar como adestrador no Gran Peña, de onde deu o salto ao xuvenil do Celta e de aí ao Fortuna—, non ocultou a súa "ilusión" por facer realidade "o soño" que tiña "como afeccionado e como vigués". 

"Estou sempre preparado para o que se precise de min, neste caso dirixir o primeiro equipo", engadiu, antes de lembrarse "desa xente que falta", como o seu pai e o seu tío, "celtistas ambos", así como da súa filla, nada apenas dúas semanas, e que chegou "cun pan debaixo do brazo".

Marco Garcés e Claudio Giráldez, hoxe, na presentación oficial do novo técnico.
Marco Garcés e Claudio Giráldez, hoxe, na presentación oficial do novo técnico.

Volve o 'fútbol de salón?', un novo estilo no céspede

Consciente da delicada situación na táboa clasificatoria, onde ocupan a décimo sétima posición -a última antes da zona de descenso a Segunda, con só dous puntos de vantaxe sobre un axexante Cádiz-, Giráldez afirmou que só pensa no choque do domingo fronte un Sevilla que "a pesar do seu orzamento" unicamente ten catro puntos máis que o Celta.

O precipitado deste compromiso levouno a afrontalo cunha actitude conservadora: "Non quero entrar como un elefante nunha cacharreiría. A partir dese encontro co Sevilla, aproveitando a parada [os compromisos das distintas seleccións nacionais deterán a competición da regularidade durante dúas semanas] incidiremos nos cambios".

A primeira desas mudanzas, e como se dun dardo ao seu predecesor se tratase, que durante a súa breve etapa de oito meses en Vigo abandonou o 'fútbol de salón' que tanto gusta en Balaídos por un xogo cativeiro, Claudio Giráldez repetiu en varias ocasións que tratará de trasladarlles aos seus novos pupilos que quere deles "valentía" e "ambición".

"Temos un cadro de xogadores con moitos recursos, que nos permitirá formular os partidos de formas diferentes, pero sempre co denominador común da valentía, dominando os partidos e sen ter medo a ninguén, sexa quen sexa quen estea diante, comezando polo Sánchez Pizjuán", incidiu o porriñés.

"Imos intentar ser sempre protagonistas, e, sendo cada partido un mundo, a nosa intención será saír sempre a gañar, senón estaría indo contra os meus principios", concluíu o novo técnico celeste.   

Rafa Benítez di adeus agradecendo "o apoio constante e o cariño"

Poucos minutos antes de que comezase a presentación do seu sucesor no banco celeste Rafa Benítez publicou un comunicado dirixido aos seus "queridos celtistas" no que lamentaba que os seus camiños se separasen "antes do agardado". "Chegue moi ilusionado para axudar a desenvolver un proxecto de tres anos, pero, nunha época de cambios constantes, o club decidiu terminar esta relación", laiouse, non sen desexarlles "moitos éxitos".

Comentarios