A PREVIA | O novo Celta de Claudio Giráldez debuta ante un duro rival, o Sevilla

Alén da Primeira División, o Rácing loitará por acabar coa súa mala xeira de resultados e o Dépor recibe en Riazor o Sabadell dun Óscar Cano que non será benvido por boa parte da parroquia herculina.
Giráldez (de pé, á dereita, xunto con Marco Garcés), dirixíndose aos que xa son os seus pupilos. (Foto: RC Celta).
photo_camera Giráldez (de pé, á dereita, xunto con Marco Garcés), dirixíndose aos que xa son os seus pupilos. (Foto: RC Celta).

A rei morto, rei posto. Cinzas ás cinzas, po ao po. A vida segue, bla bla bla. O mundo do fútbol, frío e implacábel, non entende de dós, e sen tempo apenas para dixerir o adeus de Rafa Benítez ao banco do Real Club Celta e a súa substitución por Claudio Giráldez o conxunto celeste encara a xornada 29 do campionato ante un rival directo na zona baixa da táboa, o Sevilla (Estadio Sánchez Pizjuán, mañá, 14 horas).

Consciente da urxencia do choque, o novo técnico olívico puxo a venda antes que a ferida durante a súa presentación, deixando claro que para que se noten os cambios que pretende introducir no equipo haberá que agardar até o seguinte encontro, o 31 de maio en Balaídos fronte o Raio Vallecano, unha vez superada a parada imposta polos choques das distintas seleccións nacionais que se disputarán ao longo da próxima fin de semana.

Non obstante, si é previsíbel que comece, canto menos a intuírse, esa "valentía", palabra que repetiu cinco veces durante a súa intervención, e que, recordou, sempre caracterizou as escuadras que dirixiu, en contraposición ao Celta timorato e cobardón dun Benítez que, se ben nunca destacou polo seu carácter ofensivo, en Vigo fixo alarde dun ultraconservadurismo  antediluviano máis propio do semi retirado Javier Clemente.

Será algo fundamental se queren derrotar un Sevilla que só ten catro puntos máis que a formación viguesa na táboa, polo que a pesar da diferencia de categoría na que viña empregándoo, a lóxica dita que Giráldez optará por usar a mesma táctica que utilizaba no Celta Fortuna, un 3-4-2-1 que poderían integrar Guaita en portería; Unai Núñez, Carl Starfelt e Carlos Domínguez como liña de tres centrais; Manu Sánchez e Mingueza ou Manquillo exercendo como carrileiros nas bandas; con Fran Beltrán e De la Torre apuntalando o medio do campo; Bamba como extremo esquerdo, Iago Aspas de segunda punta pola dereita e Larsen na posición tradicional do '9'.

Acabará a crise de resultados do Rácing?

Outro equipo nun mal momento de resultados é o Rácing de Ferrol, que pasou en pouco máis dun mes de axexar o liderado da Segunda División a ficar fóra dos postos de play-off, após non ser quen de gañar ningún dos seus seis últimos compromisos, empatando tres deles -os da casa- e perdendo outros tantos -os de lonxe da Malata.

Coa intención de darlle fin dunha vez por todas a esa negativa xeira, os de Cristóbal Parralo reciben ás 16.15 horas o Valladolid, un conxunto tan irregular como perigoso que semella ter recuperado as boas sensacións do comezo de tempada nas últimas semanas.

Óscar Cano volve a Riazor para retar o líder

Pode que o nome de Óscar Cano só sexa o dun máis dos seis adestradores que pasaron polo Dépor nos últimos catro anos, pero o desagradábel do recordo que deixou na Coruña aínda se sente nos corazóns de moitos afeccionados e afeccionadas, polo que os apupos son máis que previsíbeis durante o partido que enfrontará o seu Sabadell co líder da Primeira Federación en Riazor desde as 18 horas de hoxe.

Xa mañá será a quenda do resto de galegos da terceira categoría, abrindo fogo o Arenteiro en Espiñedo (16 horas) ante o Maxadahonda; o Celta Fortuna, xa con Fredi á fronte, xogará ás 18 en León coa Cultural; e o Lugo baixará o pano ás 20 contra a Ponferradina no pintoresco Toralín.

Comentarios