Análise

As chaves do adeus de Benítez

O madrileño deixa o Celta moi preto do descenso.
Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, durante a súa presentación como técnico celeste o pasado verán. (Foto: RC Celta)
photo_camera Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, durante a súa presentación como técnico celeste o pasado verán. (Foto: RC Celta)

A finais do pasado mes de xaneiro a presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño, afirmaba que Rafa Benítez seguiría á fronte do club até que que a situación fose "insostíbel".

Pois ben, a destitución do técnico madrileño evidencia que, polo menos a ollos da mandataria, o equipo xa traspasou unha serie de liñas vermellas que para un sector non pequeno da parroquia celeste quedaron atrás hai moitas semanas, por non dicir meses.

A nova, non por celebrada por esas afeccionadas e afeccionados que denunciaban partido tras partido o cativeiro do xogo do Celta e a crónica falta de ambición no ano do centenario, non deixou de collelos por sorpresa, xa que na última xornada a escuadra olívica caeu -aínda que por goleada, iso si- fronte o Real Madrid, líder da categoría, o que podería entrar dentro das previsións.

Nun breve comunicado, o Celta xustificouse indicando que "os resultados" non acompañaron "a entrega absoluta e plena dedicación" dun home que contrataran hai tan só oito meses por tres anos e ao que, salvo acordo extracontratual froito da boa vontade de Benítez, deberán indemnizar cunha cantidade que  roldaría a cifra dos nove millóns de euros.

O legado de Benítez

O campión da Liga española, a FA CUP, a UEFA e a Champions League, recordos dun pasado glorioso afastado case dúas décadas no tempo, aterrou en Vigo en loor de multitudes, como abandeirado do proxecto dun centenario que axiña comezou a facer augas. 

A primeira vitoria ligueira chegou na cuarta data sobre o Almería, e desde entón o Celta non volveu sumar de tres en tres na competición da regularidade até a 17, cando superou o Granada por 1-0.

Por aquel entón o celtismo xa asumira que o obxectivo non sería outro que a permanencia, mais agardaba con ilusión unha Copa do Rei que tornou en cravo ardendo ao que agarrarse... até que a Real Sociedade esnaquizou o soño do primeiro título na rolda de cuartos de final.

Desde ese momento, e especialmente a partir de que desperdiciara en Cádiz un 0-2 fronte o seu rival máis directo pola salvación, Benítez estaba sentenciado, mais non só os resultados están detrás do seu adeus.

Comunicativo e próximo nos inicios, as derrotas foron afastándoo do público, facendo alarde dunha falta de autocrítica case tan evidente como a inflexibilidade para dar entrada a homes que demostraron cos escasos minutos que lles outorgaba que merecían máis oportunidades, como Douvikas.

Tamén se lle recriminou a Benítez un ultraconservadurismo no xogo que ía en contra da filosofía tradicional da entidade celeste, o seu desprezo á canteira e a súa falta de flexibilidade para manexar un vestiario onde tivo conflitos con xente como Carles Pérez e incluso un Iago Aspas que, agora, terá un adestrador máis novo que el.

A hora de Giráldez

Mouriño aposta para substituír Benítez por un home da casa: Claudio Giráldez. Aos seus 36 -que fan del o terceiro técnico máis novo na historia do Celta, despois de Ozores e Moreno-, deixa o Celta Fortuna en mans dun Fredi Álvarez que tratará de asegurar os postos de play-off de ascenso nos que está instalado para facer realidade o seu soño, como el mesmo confesou. Del, que remata contrato o próximo 30 de xuño, dependerá que non remate en pesadelo.

Comentarios