Corredoiras mantense líder na Liga Nacional de Billarda

Chegada a metade da tempada tres equipos teñen posibilidades de gañar a Liga: Corredoiras, Gharaboto e Lúa de Forza.
Sanny, de Campo da Feira, en Moaña (Foto: LNB).
photo_camera Sanny, de Campo da Feira, en Moaña (Foto: LNB).

Esta fin de semana decorreu unha dobre xornada na Liga Nacional de Billarda (LNB). A primeira tivo lugar no municipio de Moaña, no Morrazo,  cunha sorprendente vitoria visitante de Lúa de Forza, do Salnés, na casa de Corredoiras, de Bueu.

A confianza deste último, líder con 17 puntos máis que o segundo, Gharaboto, propiciou a sorpresa. Corredoiras tivo que conformarse coa segunda praza por equipos e aumentou a distancia co segundo posto de Gharaboto, até os 28 puntos, e Lúa só lle recortou dous.

En Categoría Individual Absoluta, o único representante de Corredoiras que chegou á final foi Fari, que non puido acceder ao podio. A vitoria foi para Hugo Otero Padín, segundo quedou Gerardo e terceiro, Che. 

En categoría Feminina foi primeira Antía de Gharaboto, segunda Bego de Corredoiras e terceira Adriana de Valpaços. En Categoría Infantil gañou Martín Castro de Armadiña de Combarro, segundo foi Ían, tamén de Armadiña, e terceira Lucía de Valpaços. 

Xornada na Laracha

A seguinte xornada foi en Soandres, A Laracha (comarca de Bergantiños). No campo Ponte do Sal venceu Xan Rodiño de Lúa de Forza (Sanxenxo, comarca do Salnés) seguido por Lu do mesmo equipo e terceiro foi Collazo de APB A Laracha.

Na categoría feminina, foi primeira Sonia de Cochiqueiros de Cerceda (comarca de Ordes); segunda Raquel, do mesmo equipo; e terceira Delia de Chaínzos-Cadaval, de Castro de Rei (A Terra Chá).

Na categoría infantil, gañou Valentín, de Filloas de Sangue, da Coruña; segundo foi Miguel de Campo da Feira de Paiosaco; e terceiro Kevin de APB A Laracha. Na categoría de equipos, gañou Campo da Feira; segundo foi APB; e terceiro Lúa de Forza.

A exixencia da Ponte do sal deixou unhas puntuacións moi baixas. Así, os 59 puntos de Campo da Feira supuxeron a vitoria coa puntuación máis baixa da tempada.

Disputada a metade da liga, o campionato semella ser cousa de tres equipos. Certo é que Corredoiras xa partía como favorito para revalidar o título e que se reforzou moi ben esta tempada coas fichaxes de Pepe e Novas. Porén, tanto Gharaboto como Lúa mantéñense perto e non renuncian a ficar ao carón do equipo de Bueu nesta recta final da liga.

Comentarios