De Chacón a Petxarroman: así lles foi esta tempada aos xogadores cedidos polo Deportivo da Coruña
Os xogadores do Real Club Deportivo gozan estes días dunhas merecidas vacacións após as celebracións por conseguir, esta tempada si, o ascenso á Primeira División. O equipo que dirixe o catalán Antonio Hidalgo voltará aos adestramentos o 6 de xullo, mais no club xa están preparando a nova campaña na máxima categoría do fútbol estatal.
Neste momento, unha das decisións que ten por diante o director deportivo, Fernando Soriano, será decidir o futuro dos xogadores cedidos polo club e que poderían estar a disposición do equipo técnico do primeiro equipo. A listaxe non é pequena. Até nove nomes ten sobre a mesa Soriano dos que deberá decidir o seu futuro: Luis Chacón, Mohamed Bouldini, Álex Petxarroman, Diego Gómez, Rubén López, Luisao Macías, Adrián Guerrero, Martín Ochoa e Jairo Noriega.
Diversas situacións
Analizando os xogadores cedidos, as situacións son moi diferentes. Algúns saíron do Deportivo e outros do Fabril. Ademais, outros xa estiveron en cesión na tempada anterior. Dos catro que saíron do Deportivo quen tivo unha mellor actuación foi Luis Chacón. O xogador de Pontedeume estivo esta campaña na Cultural Leonesa e, aínda que o seu equipo non conseguiu evitar o descenso a Primeira RFEF, foi unha peza chave no seu xogo. Participou en 39 partidos como titular dos 42 posíbeis -dous non puido ante o Dépor pola cláusula- e asinou oito goles realizados nos 3.451 minutos que estivo na herba. Neste caso, aínda que non é doado, Soriano podería optar por traelo a Riazor posto que ten contrato até 2028.
Peor tempada tiveron Bouldini e Petxarromán, ambos os dous comprometidos tamén até 2028 co club herculino. O marroquí, cedido ao Granada, participou en 14 partidos e só en dous deles saíu como titular mais en ningún deles conseguiu marcar gol. O vasco, pola súa parte, tampouco tivo unha boa actuación co FC Andorra. No equipo do Principat xogou 16 partidos, a metade deles como titular.
Do Dépor tamén saíu Rubén López para xogar esta campaña co Pontevedra CF. O centrocampista de Silleda (comarca do Deza) participou en 14 partidos, nove deles como titular, e marcou un gol.
Do filial do club herculino, o Fabril, xogaron cedidos Luisao Macias e Adrián Guerrero. O catalán compartiu equipo con Rubén López na cidade do Lérez onde xogou 37 partidos, 8 deles como titular, marcando 2 goles. O de Ferrol, pola súa parte, estivo cedido no Ourense CF, xogando tamén 37 partidos, 27 deles como titular, marcando 1 gol en toda a tempada.
Por último, hai xogadores con varias tempadas fóra e non voltaron á Coruña. É o caso de Diego Gómez que, procedente do FC Cartaxena estivo no Pontevedra CF onde participou en 15 partidos, 14 deles como titular. Tamén o de Martín Ochoa que do Fabril pasou en dous anos polo Lugo, o Arenteiro e o Ourense CF. Neste xogou 17 partidos, 11 como titular. Un caso semellante é o de Jairo Noriega que do Fabril estivo cedido ao Ourense CF e ao Racing de Ferrol. Neste equipo xogou 32 partidos, 26 deles como titular.
A cláusula de Yeremay, de tres cifras: "Entre 100 e 150 millóns"
O director xeral do Deportivo, Massimo Benassi, admitiu esta cuarta feira no xornal luso Record que "polo de agora" non chegou ningunha oferta desde o Sporting de Lisboa por Yeremay. Con todo, deixa aberta a posibilidade de que cheguen estes días. Na entrevista no medio portugués confirmou que o xogador canario estivo sempre "informado" das anteriores ofertas e quixo quedar no club herculino para “poder axudar no ascenso e agora ten a ilusión de xogar en Primeira".
Na conversa, Benassi lembra o interese do Real Betis polo xogador o ano pasado e outras ofertas que se fixeron a inicios deste ano mais afirma que “non era o momento para liberalo". Por último, descobre que a cláusula actual do xogador canario "ten tres cifras" e podería andar "entre os 100 e os 150 millóns de euros".

