Corredoiras vence nunha xornada de billarda de Bueu con novos valores

A parroquia de Beluso, en Bueu viviu unha nova xornada de billarda. Estreouse un novo sistema con seis finalistas no que o campión por equipos foi Corredoiras. A xornada certificou o aumento de licenzas para menores de 14 anos.
Xián na xornada de Beluso (Foto: LNB)
photo_camera Xián na xornada de Beluso (Foto: LNB)

En Beluso (Bueu) quedou patente que a billarda conta con futuro. Este deporte tivo neste torneo 76 primaveras reunidas coa participación de Óscar Caldas, Lucía e Hugo de 14 anos, Antía e Mauro de 11, Xián e Naia de 9 e Brais de 5 anos.

Desta maneira, houbo representación infantil nos podios de todas as categorías individuais. Xián quedou terceiro na raíña, a absoluta, e Lucía tamén foi terceira na feminina. Proba do auxe está nas 43 licenzas federativas en idade infantil (até 14 anos) dun total de 214 licenzas, ou sexa, un 20%. 

A xornada deportiva nesta parroquia do Morrazo proclamou campioa absoluta a Bego Ríos e en feminina a Antía de Gharaboto, por diante de Lu de Lúa de Forza e de Lucía de Valpaços Terra Quente de Vigo.

En infantil venceu Hugo de Gharaboto,  segundo foi Óscar Caldas de Armadiña de Combarro e terceiro Mauro de Lúa de Forza. 

Nas categorías individuais, o líder, Fari, leva unha media de 23 puntos por xornada para un total de 47. Na absoluta só Ricar mantén o ritmo do remeiro, cunha media de 22 puntos por xornada para un total de 45. Por equipos gañou Corredoiras, segundo foi Lúa de Forza e terceiro Gharaboto.

En equipos femininos a vitoria foi para Gharaboto, segundo Valpaços Terra Quente e terceiro Lúa de Forza.

Na categoría feminina, Bego asaltou o liderado coa contundencia de 23 puntos para un total de 38. Agora, Tania sitúase segunda con 26 puntos.

Novo sistema 

Desta vez empregouse un novo sistema de final con seis xogadoras e xogadores.

O seguimento foi moi superior ao de tempadas pasadas onde competían dou ou tres. Desta maneira, aumentou a probabilidade de ter participantes de máis equipos. Nesta final houbo dúas mulleres e a metade tiñan idade infantil.

Comentarios