Begoña Ríos, palanadora: "Nunca pensei que me farían entrevistas pola billarda"

As persoas que seguen a Liga Atlántica de Billarda saben que Begoña Ríos (Bueu, 1973) é un dos grandes nomes da competición. Membro de Corredoiras, o equipo da súa localidade, a gran dominadora da Conferencia Rías Baixas repasa para Nós Diario a evolución que viviu esta disciplina nos últimos anos. 
A de Bueu conta cun título galego e sete de confencia no palmarés. (Foto: FGDA).
photo_camera A de Bueu conta cun título galego e sete de confencia no palmarés. (Foto: FGDA).

É vostede un dos nomes habituais da Liga Atlántica de Billarda, onde compite concretamente na Conferencia Rías Baixas defendendo as cores de Corredoiras de Bueu. Mais, como e cando se produciu o seu primeiro contacto coa billarda?

Os meus irmáns xogaban, doutra forma a como se fai agora, pero si que lle daban. Eu comezaría aproximadamente hai 10 anos, a raíz dun convite a adestrar por parte dunha compañeira que xoga comigo en Corredoiras. Gustoume e desde aquela xa non parei, foi como amor a primeira vista (ri). 

Como son eses adestramentos nun club de billarda?

Nós en Bueu levámolos a cabo no Campo da Estacada un par de veces por semana, aínda que eu non podo ir en moitas ocasións. O que facemos, basicamente, é unha competición entre nós.

A billarda chegou á súa vida hai 10 anos, pero, desde cando compite?  

Desde o principio, gustoume e xa non parei de xogar até hoxe.

E faino con moito éxito, pois o seu é un dos nomes 'top' na categoría feminina. Cantos logros acumula na súa traxectoria? 

En categoría feminina levo sete anos sendo campioa da Conferencia Rías Baixas. Non contaba cando empecei, porque lembro que o primeiro día que participei nun campionato estaba perdidísima, a cousa foi xurdindo co tempo. 

Begoña e Tania, Tania e Begoña, levan varios anos repartíndose as primeiras posicións na clasificación feminina. Hai rivalidade?  

Levámonos ben. No campo sempre hai algún pique, pero eu lévome ben con todo o mundo, non quero problemas pola billarda (ri). 

Un ano máis, está vostede encabezando a clasificación da Conferencia Rías Baixas na presente tempada 2022/23, como agarda que vaia decorrendo a clasificación? 

Agardo que todo vaia ben e completar unha boa campaña, pero podes ter problemas en forma de lesión ou enfermidade, cousa que xa me pasaron no pasado e que me impediron rematar a tempada, e acabar perdendo. E sei perder, pero gústame gañar.

Vostede é historia viva da billarda no país, pois viviu a evolución tan grande que sufriu a disciplina nos últimos anos, incluíndo a súa constitución como deporte. Cales deses cambios recentes son os que máis destacaría? 

A xente seguimos sendo máis ou menos a mesma, pero si que hai un maior número de nenos e nenas, e iso é bo. O que non agardaba cando empecei a xogar era acabar saíndo na televisión [desde 2022 a TVG retransmite tres eventos anuais] nin que me fixesen entrevistas como esta. 

Que lle falta á billarda para ensanchar aínda máis esa base de xogadores e xogadoras? 

Quizais xogar en sitios máis públicos, por dicilo dalgún modo, onde poida haber ou pasee moita xente para que te poidan mirar e facerche preguntas.

Aínda que, como di, cada vez hai máis crianzas, e a que tamén hai unha boa cantidade de mulleres, a maioría dos practicantes son homes. Como está considerada a muller no mundo da billarda? 

Hai quen di que debería haber unha liga feminina á parte, pero eu prefiro seguir xogando cos homes, porque non hai nada malo niso. Podes ter un día bo ante calquera e logo un día malo e perder mesmo cun neno, a billarda é así.

Porque a billarda ten unha característica moi particular, que é que pode ser practicada por xentes de practicamente todas as idades. Até cando pensa que estará xogando? 

Até que me aguante o corpo.

Comentarios