A Copa Galiza acolle en Pontevedra o mellor voleibol

Oito equipos xogarán no pavillón da Xunqueira de Pontevedra a XXXIX edición da Copa Galiza de Voleibol. O evento será nunha única xornada, o 17 de setembro.
Gorka Gómez, en primeiro termo, e Patricia Valcárcel. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Gorka Gómez, en primeiro termo, e Patricia Valcárcel. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A XXXIX edición da Copa Galiza de Voleibol aterra este ano en Pontevedra. O vindeiro 17 de setembro, o pavillón da Xunqueira reunirá nun só día a competición dos mellores equipos deste deporte, na masculina e na feminina, concentrando desta maneira ao mellor voleibol galego no pavillón da cidade do Lérez. 

Nas semifinais femininas participarán o Arenal Emevé (Lugo), o CDPF Calasancias (A Coruña), o Autos Cancela Zalaeta (A Coruña) e o Aceites Abril Voleyourense (Ourense). Nas masculinas xogarán o Rotogal Boiro Voleibol (Boiro), o Club Voleibol Vigo, o Aldebarán San Sadurniño e o Dumbría Volei (Dumbría).

Os oito equipos clasificados para o campionato loitarán polo título ao longo do sábado, estando programadas as semifinais de forma simultánea para as 10 horas na categoría feminina e ás 12 horas para a masculina. A quenda de tarde estará reservada para as finais, sendo estas ás 17 e 19 horas respectivamente, terminando coa entrega de trofeos. 

Presentación da Copa

A presentación deste evento tivo lugar onte no Pazo Provincial e a ela acudiron o deputado de Deportes, Gorka Gómez, o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, o presidente da Federación Galega de Voleibol (FGV), José Ángel Luna, a presidenta do Club Voleibol Pontevedra, Patricia Varcárcel, e membros deste mesmo club. 

Para Gorka Gómez "apostar polo deporte sempre é unha garantía e un resultado positivo" e por iso "ten que converterse nun eixo fundamental das nosas políticas xunto co turismo e a economía, moi ligados entre si".

Neste senso lembrou que Pontevedra está a ser "referente con eventos como este e como os que se van a traer nos próximos meses, de talla mundial, e nos que están a participar Deputación e Concello".

Tino Fernández, polo seu lado, agradeceu na súa intervención a "colaboración coa Deputación de Pontevedra, que nos permite facer este e outros eventos" e recalcou a importancia que está a ter deportes como o voleibol no concello de Pontevedra, que "pouco a pouco vai mellorando, crecendo e conseguindo mellores éxitos".

Pola súa banda, Patricia Valcálcel e José Ángel Luna agradeceron a organización para facer da copa a "festa do voleibol galego".

Comentarios