O mellor do voleibol loita polo trono do país en San Sadurniño

XXXVIII edición da Copa Galiza da modalidade.
Bruxas, Zalaeta, Emevé e Ourense competirán polo título feminino.(FGV)
photo_camera Bruxas, Zalaeta, Emevé e Ourense competirán polo título feminino. (Foto: FGV)

San Sadurniño volverá vivir esta fin de semana dúas intensas xornadas de voleibol, repartidas entre este sábado e o domingo, coa disputa da XXXVIII Copa Galiza de Voleibol, un torneo que orixinalmente ía desenvolverse en Cangas do Morrazo pero, por problemas de última hora coas instalacións escollidas, a Federación Galega de Voleibol (FGVB) acordou trasladar a San Sadurniño.

A cita, que inaugura oficialmente a tempada do volei galego nun evento que conta coa presenza das primeiras escuadras femininas e masculinas do Boiro Voleibol, o Emevé Lugo, o Zalaeta, o Club Voleibol Ourense, o Bruxas, o Volei Dumbría e, por suposto, o anfitrión Aldebarán-Intasa, que terá unha nova oportunidade de seguir realizando axustes de cara á súa re estrea na Superliga, prevista para o sábado 2 de outubro na casa do Melilla.

Así, e despois da parada obrigada a causa da crise sanitaria, a competición volve neste 2021, un ano moi especial para o volei galego, pois terá até cinco representantes nas máximas categorías do deporte a nivel Estatal. 

Por iso, e tal e como indica a Federación Galega de Voleibol, esta edición da Copa Galiza preséntase como "unha cita moi atractiva para as persoas amantes do deporte en xeral, pois asegura unha fin de semana co mellor voleibol e na que se loitará polo primeiro título da tempada entre os catro mellores clasificados masculinos e femininos do país na pasada liga 2020/21".

Un cadro equilibrado

A competición comezará o sábado 25 coa quenda feminina, na que participan o Arenal Emevé (Liga Iberdrola), Autos Cancela Zalaeta (Superliga 2), Ourense Aceites Abril (Primeira Nacional) e Bruxas (Primeira Nacional), loitando polo título nun torneo no que as coruñesas defenderán o trofeo conseguido en 2019.

Polo que respecta ao apartado masculino, a Copa decidirase entre o Rotogal Boiro (Superliga), Arenal Emevé (Superliga), Aldebarán San Sadurniño (Superliga) e Dumbría Voleibol (Superliga 2), fechando este domingo 26 a segunda xornada de espectáculo deportivo.

Neste caso, será o Emevé quen defenda un trono galego que, tal e como apuntan desde a FGV, estará "máis caro que nunca".

Comentarios