Galiza torna no corazón do voleibol estatal

Lugo acollerá a Copa da Raíña absoluta e A Estrada o Bilateral Sub-16
O Alcobendas é o vixente campión da Copa da Raíña de Voleibol. (Foto: RTVE).
photo_camera O Alcobendas é o vixente campión da Copa da Raíña de Voleibol. (Foto: RTVE).

Os e as amantes do voleibol na Galiza están de parabéns, pois o país galego acollerá en próximas datas varios eventos de primeiro nivel internacional.

Así, a cidade de Lugo -e máis concretamente o Pavillón Municipal- acollerá a Copa da Raíña entre os días 11, 12 e 13 de febreiro de 2022, torneo do que a Real Federación Española de Voleibol (RFEV) designou o Arenal Emevé como entidade organizadora. Isto supón que o trofeo feminino máis prestixioso a nivel estatal retorne á terras galegas logo de que se desenvolvesen no Pavillón Municipal da Pinguela de Monforte as edicións dos anos 2004 e 2010.

Pero non acaban aquí as boas novas para as afeccionadas e afeccionados a este deporte, pois A Estrada dará a benvida este mes de decembro á concentración das seleccións Sub-16 do Estado español e do portugués, que realizarán alí unha concentración para preparar o Torneo Wevza.

Ambos combinados pasarán na localidade de Tabeirós un total de catro días, concretamente entre o 26 e o 30 de decembro.

Nese tempo disputarán dous partidos amigábeis e outros tantos encontros oficiais entre elas, ademais dos seus respectivos adestramentos de preparación no Pavillón Coto Ferreiro, antes de desprazarse até Bélxica para enfrontarse entre o 4 e o 9 de xaneiro coa selección anfitrioa, así como coas súas homólogas dos Países Baixos, Francia, Alemaña e Italia.

Desde a Federación Galega de Voleibol (FGV) informan de que  a asistencia aos partidos oficiais será gratuíta e baixo limitacións de capacidade dependentes das sempre cambiantes normativas sanitarias, quedando  a asistencia aos adestramentos e choques oficiais suxeita á demanda baixo solicitude á propia FGV empregando a fórmula do correo electrónico.

Xornadas de supervisión e control en Noia

Por outra banda, e logo da positiva experiencia do pasado 14 de novembro, a FGV levará a cabo en Noia  unha nova edición das Xornadas de Supervisión e Control no pavillón Alonso Rodríguez de Noia entre os días 6 e 8 de decembro.

A primeira categoría que sairá á palestra será a Infantil feminina, seguida pola masculina e a Cadete feminina, fechando os cadetes masculinos, todo co obxectivo de mellorar "no seguimento dos e das deportistas" no seu período de formación.

Comentarios