A desigualdade no deporte a debate nun evento en Vigo

Unha xornada sobre socialización na Axenda 2030 organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Deputación de Pontevedra reunirá a expertas e expertos en Vigo.
Mercé Barrientos, presidenta de Mudega, participará no evento (Foto: Mudega).
photo_camera Mercé Barrientos, presidenta de Mudega, participará no evento (Foto: Mudega).

Sobre a base de que o deporte ofrece grandes beneficios para a saúde e tamén favorece a integración e a sociabilización contribuíndo á redución das desigualdades, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Consello Superior de Deportes, organizan o vindeiro 21 de setembro no Auditorio Mar de Vigo a xornada O deporte como ferramenta clave para a redución da desigualdade no marco da Axenda 2030.

A través dun comunicado, a Administración provincial sinala que "as administracións públicas teñen un papel fundamental á hora de fomentar a súa práctica entre a cidadanía, e convertelo nun instrumento para a loita contra a desigualdade seguindo os criterios da Axenda 2030" polo que este evento sería "un punto de partida" neste sentido.

Programa de luxo 

Desde a Deputación de Pontevedra informan que neste evento realizaranse diferentes mesas nas que se terá a oportunidade de "coñecer as boas prácticas na xestión do deporte local como ferramenta para acelerar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel", xunto con diferentes experiencias locais centradas en reducir a desigualdade a través do deporte no marco da Axenda 2030.

Na xornada participarán no ámbito deportivo relatoras e relatores que son referentes, como Esther Martínez, exdeportista e experta en igualdade de xénero no deporte; Mari Cruz Seco, adestradora do Club Piragüismo Vilaboa (Pontevedra); Agustín Alejo, representante da Asociación Minusválidos Físicos de Vigo de baloncesto (Amfiv); Juan Antonio Segura, director do Consorcio de Entidades para a Acción Integral con Migrantes (Cepaim); ou Mercé Barrientos, presidenta de Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega).

Por último, asistirán como poñentes expertas e expertos en materia de deporte do ámbito local, administracións públicas, entidades, organizacións e referentes deportivos a nivel nacional e internacional.

Deste eido viaxarán até a cidade de Vigo responsábeis municipais de concellos como Palma, Cáceres, Sant Feliu de Llobregat, Azuqueca de Henares (Guadalaxara), Villarramiel (Palencia) ou Santomera (Murcia).

Comentarios