A cidade de Lugo torna na capital estatal do voleibol

Por primeira vez na súa historia, a Cidade da Muralla recibe a competición decana do voleibol a nivel estatal, a Copa da Raíña. Entre os seus seis equipos protagonistas brilla con luz propia o local Arenal Emevé, que para facerse co título terá que pasar por enriba de Socuéllamos, Sant Cugat, Gran Canaria, Rioxa e La Laguna. 
Non será doado, pero unha total comuñón entre público e xogadoras é a única vía para que as lucenses alcancen o seu primeiro título. (Foto: Arenal Emevé).
photo_camera Non será doado, pero unha total comuñón entre público e xogadoras é a única vía para que as lucenses alcancen o seu primeiro título. (Foto: Arenal Emevé).

A Copa da Raíña, competición decana do volei feminino estatal, disputa a súa edición número XLVII nun escenario de excepción como é o Pavillón Municipal de Lugo a partir desta sexta feira e até o vindeiro domingo, 13 de febreiro.

Alí, seis equipos aspiran a suceder no palmarés do histórico torneo o vixente campión, Feel Volley Alcobendas: Gran Canaria Urbaser, Kiele Socuéllamos, Sanaya Libbys La Laguna, DSV Sant Cugat, Osacc Haro Rioja Vóley e o local Arenal Emevé, que participa como anfitrión dunha competición que arrancará cos duelos xa preestabelecidos clasificatoriamente entre Sanaya Libbys La Laguna–DSV Sant Cugat (17 horas) e Osacc Haro A Rioxa–Arenal Emevé (20 horas). 

Para o sábado está prevista a disputa das semifinais, que comezarán ás 16.30 horas co enfrontamento entre as vencedoras do duelo entre canarias e catalás con outra escuadra insular, Gran Canaria Urbaser. Pola súa parte, a segunda terá lugar a partir das 19.30 horas e medirá Kiele Socuéllamos coas gañadoras do partido entre Haro e Emevé. Un día despois, o domingo 13 de febreiro, está programada a finalísima ás 12.30 horas da tarde.

Lugo e o voleibol: unha historia de amor

Esta Copa da Raíña 2022 non é o primeiro grande evento deportivo co voleibol como protagonista que acolle a cidade de Lugo, aínda que nunca antes recibira a visita dun torneo que nas súas edicións de 2004 e 2010 se desenvolveu no pavillón da Pinguela de Monforte de Lemos

Non obstante, si que organizou a Copa Príncipe en 2011 e 2013 e a Copa Princesa en 2018, competicións análogas á Copa do Rei e da Raíña de Voleibol, pero nas que participan os mellores equipos da categoría de prata tanto masculina como feminina.

Xa que logo, a Copa da Raíña, tal e como salientou a presidenta do Arenal Emevé, Bibí Bouza, representa "un fito histórico nos case 40 anos de andaina do club", algo que chega como resultado "de axustar sinerxías e ilusión" e que agardan que remate "deixando a Lugo no sitio que merece". 

Para conseguir esa meta dentro e fóra da pista, e como non só de voleibol vive o home -e a muller-, desde a organización desenvolveron unha completa programación paralela que inclúe multitude de actividades nas que a música e o baile tornan en elemento dinamizador durante e entre os diferentes partidos.

Deste modo, a animación chegará por parte do grupo lucense Galician Army en colaboración coas performances da escola de danza, ximnasia e espectáculos Gravitty. Ademais, tamén haberá sorteos de produtos dos diferentes patrocinadores, unha zona de hospitality xunto ao Pavillón Municipal de Deportes -con carpa, postos de petiscos e camións de comida- e, para quen busque entretemento lonxe da instalación, sempre estará dispoñíbel a opción de beneficiarse da campaña 'Os nosos bares'.

Comentarios