[VÍDEO] A Comisión de Antiviolencia declara partido de alto risco o Celta B-Deportivo da Coruña: Cal é o motivo?

O partido, que se disputará na cidade olívica, vén precedido do duelo que ambos combinados mantiveron en marzo deste mesmo ano e no que houbo incidentes entre xogadores e seareiros.
Imaxe do Celta B-Dépor da pasada campaña. (Foto: Real Club Celta de Vigo)
photo_camera Imaxe do Celta B-Dépor da pasada campaña. (Foto: Real Club Celta de Vigo)

A Comisión de Antiviolencia vén de declarar partido de alto risco o encontro entre o filial do Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, correspondente á cuarta xornada da Primeira División da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

O partido, que se disputará na cidade olívica, vén precedido do duelo que ambos combinados mantiveron en marzo deste mesmo ano e no que, despois de gañar o filial celeste por dous goles a un, produciuse un enfrontamento entre xogadores de ambos clubs, con agresións desde ambos lados.

Posteriormente, os seareiros do Celta invadiron o céspede de Balaídos e dirixíronse até a grada onde se atopaban os do Dépor, incrementando a tensión e obrigando a Policía Nacional a intervir para despexar o terreo de xogo.

Os axentes antidisturbios xa tiveran que intervir antes do comezo do partido, cargando contra dous grupos de afeccionados ultras que estaban a cometer actos vandálicos nos arredores do estadio de Balaídos.

Que implica a declaración?

A decisión da Comisión de Antiviolencia implica a toma dunha serie de medidas adicionais para reforzar o dispositivo de seguridade habitual neste tipo de eventos deportivos.

Neste sentido, haberá un incremento considerábel dos efectivos policiais presentes, tanto nas inmediacións do estadio (queda por saber se decorrerá en Barreiro ou en Balaídos), como dentro do propio campo.

Tamén se despregará un continxente de cámaras arredor do estadio para que os axentes policiais teñan un maior control e monitorización das accións que leven a cabo os grupos de seareiros de cadanseu equipo.

Aliás, a declaración de partido de alto risco, recollida na  lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, tamén obriga os equipos a adoptar unha serie de medidas relacionadas co sistema de venda de entradas, a separación das afeccións rivais e control de acceso aos estadios.

Comentarios