Reto do Club Deportivo Lugo ao líder da Segunda e Dépor-Celta B na Primeira RFEF

Os compromisos clasificatorios para o Mundial das distintas seleccións internacionais obrigan a parar a Primeira División esta fin de semana, o que non é óbice para que a afección galega non goce co fútbol de elite da man do Lugo-Eibar na categoría de prata e do derbi entre Deportivo e Celta B na Primeira RFEF.
 
No choque de ida o Lugo chegou a ir dous goles por diante do marcador, pero o conxunto armeiro conseguiu equilibrar o resultado. (Foto: La Liga).
photo_camera No choque de ida o Lugo chegou a ir dous goles por diante do marcador, pero o conxunto armeiro conseguiu equilibrar o resultado. (Foto: La Liga).

Disque quen non ten nada que perder, ten todo por gañar. Nesa cómoda posición está instalado o Club Deportivo Lugo ante o desafío que representa o seu choque contra a Sociedade Deportiva Eibar (hoxe, 16 horas), sólido líder da Segunda División con 63 puntos, 21 máis que unha escuadra albivermella posicionada no ecuador da táboa clasificatoria e co único e gran obxectivo da salvación practicamente fechado a falta de dez partidos para que remate a Liga.

Esa tranquilidade, esa ausencia da presión que esixen os puntos e coa que tan familiarizada estivo o conxunto galego nas últimas tempadas multiplica as súas posibilidades ante os Stoichkov -ollo, Juan Diego Molina Martínez, non Hristo, o que non quita que sexa un goleador consumado, como acreditan os 16 tantos que leva anotados e que o sitúan como terceiro máximo realizador do campionato-, Edu Expósito -ex do Dépor-, Yoel -porteiro arbense criado na canteira do Celta-, ou Anaitz Arbilla, entre outros xogadores diferenciais con experiencia na máxima categoría.

Desde a Cidade da Muralla, o veteranísimo (38 anos) mediocampista amense Fernando Seoane analiza as posibilidades do seu equipo afirmando que tratarán de gañar "para dar un paso máis cara ao obxectivo". Porén, é consciente de que será "un partido difícil" porque "a Sociedade Deportiva Eibar é un dos mellores bloques que hai, pois compiten ben, e ademais teñen calidade", polo que terán "que facer un partido case perfecto". "Temos que aproveitar os espazos, explotar ao máximo as nosas armas e seguir con esa mentalidade que temos de non dar nunca os encontros por perdidos", engade un home que non está contando con moitos minutos -só 635 no que vai de Liga- na súa décima campaña defendendo as cores albivermellas.

Volve o derbi do morbo, esta vez en Balaídos

Nunha fin de semana na que non hai fútbol de Primeira a causa dos compromisos internacionais que disputan as distintas seleccións, o Real Club Celta de Vigo aproveitou esta circunstancia para habilitar o estadio de Balaídos para que o seu filial reciba alí (mañá, 12 horas), e non en Barreiro, a visita do seu eterno rival, o Real Club Deportivo da Coruña.

Este derbi do morbo -que se disputa por segundo ano consecutivo e que até o de agora deixou unha vitoria celeste (1-2) en Riazor e dúas branquiazuis (0-3 e un contundente 5-0 no primeiro partido da presente tempada) chega nun momento delicado para ambos os conxuntos, pois a pesar de que os locais son quintos e os visitantes segundos -ambos instalados en postos de play-off de ascenso-, o Deportivo vén de lograr unha vitoria moi sufrida na casa ante un rival moi inferior como é a Cultural Leonesa tras sumar tan só cinco puntos nos sete encontros anteriores e o Celta B acumula dúas derrotas consecutivas logo de erixirse como a gran revolución da categoría a base de triunfos e goleadas que o levaron en apenas tres meses da zona media-baixa da clasificación até os postos de privilexio.

Con todo, desde A Coruña o centrocampista Rafa de Vicente apostila, sen restarlle transcendencia á loita polos puntos, que este duelo ante o Celta B -que será retransmitido pola Televisión da Galiza, nun novo xiro da trama argumental do culebrón dos dereitos televisivos na Primeira RFEF- "non é un derbi, pois iso so é contra o seu primeiro equipo".

Cun ollo no que aconteza nese encontro estará o terceiro representante da Galiza na categoría, o Rácing de Ferrol, terceiro clasificado, que cinco horas máis tarde (ás 17) recibe na Malata a visita do Sanse madrileño co desexo de sumar un novo triunfo que o consolide nos postos de promoción.

Comentarios