Un cento de persoas, propostas para sanción polos altercados entre seareiros do Celta B e o Deportivo

O Xuíz Único de Competición sanciona o club vigués cunha multa económica que pode chegar aos 3.006 euros. O Celta B poderá xogar en Balaídos o seu próximo partido como local. 
Momento de xogo durante o encontro entre o Celta B e o Deportivo o pasado 27 de marzo. (Foto: RC Deportivo da Coruña).
photo_camera Momento de xogo durante o encontro entre o Celta B e o Deportivo o pasado 27 de marzo. (Foto: RC Deportivo da Coruña).

Axentes da Policía Local de Vigo propuxeron para sanción, conforme ao estabelecido na Lei do Deporte, a máis de 100 persoas polos altercados producidos entre seareiros do RC Celta B e o RC Deportivo da Coruña o pasado domingo.

Nun comunicado, a Policía indicou que estas persoas se enfrontan a duras sancións económicas, que poden oscilar entre 150 euros e os 650.000 euros no caso de infraccións "moi graves".

Ademais, explican, incautáronse de varios obxectos contundentes, como paus de madeira, barras de metal, defensas extensíbeis, unha chave de puxilato ou un extintor, entre outros.

Invasión do terreo de xogo

Os feitos remóntanse ao pasado 27 de marzo, tras o partido de fútbol entre o Celta B e o Deportivo disputado en Balaídos. Após a finalización do encontro, un grupo de afeccionados celestes abandonaron os seus asentos e saltaron ao terreo de xogo para dirixirse á parte do estadio onde se atopaban os seareiros do equipo contrario, co fin de provocalos e increpalos.

A modo de resposta, algúns destes afeccionados responderon lanzando obxectos desde a bancada, como botellas e parte dos asentos arrincados previamente.

A pesar dos esforzos dos vixilantes de seguridade por conter ás persoas, non o conseguiron. Algúns resultaron agredidos, o que provocou a intervención da Policía Nacional no terreo de xogo.

Previa do partido

Antes do encontro xa se recibiran varias chamadas alertando da presenza dun grupo de persoas que portaban paus e outros obxectos e que mostraban unha actitude violenta dirixíndose cara ao parque da Bouza, onde se estaba producindo unha pelexa entre afeccionados.

Tamén os funcionarios dirixíronse ao lugar, observando á súa chegada que algúns mozos fuxiron á carreira. O grupo de violentos, formado por unhas 50 persoas, foron reducidos e identificados.

Todos estes feitos sáldanse agora con máis de 100 propostas para sanción con multas que poden ascender até aos 650.000 euros e a prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período de 5 anos no casos máis graves.

A investigación continúa aberta e non se descarta que estes feitos poidan ser constitutivos de infraccións penais, tales como danos, alteración da orde pública ou rifas tumultuarias.

Sanción económica

Pola súa parte o Xuíz Único de Competición da Federación Española de Fútbol catalogou o sucedido no estadio vigués como unha infracción dos 'Deberes propios da organización de partidos' e imponlle ao Celta unha sanción que pode ir desde os 602 euros até 3.006 euros.

Os altercados quedan nunha sanción económica e non se castigan coa clausura do estadio.

Comentarios