Chega a Boiro a festa do ciclismo galego

O mellor do ciclismo galego ten unha cita anual obrigada coa que galardoar o presente e lembrar o seu pasado. Este sábado a Federación reunirá en Boiro o mellor do ranking nacional ademais de homenaxear a traxectoria de clubs, patrocinadores, deportistas e Administracións que foron protagonistas no ano 2022.
Juan Carlos Muñiz, Dores Torrado e Ricardo Riveiro na inauguración do carril bici de Boiro (Foto: Concello de Boiro).
photo_camera Juan Carlos Muñiz, Dores Torrado e Ricardo Riveiro na inauguración do carril bici de Boiro. (Foto: Concello de Boiro)

O ciclismo galego será o protagonista deportivo esta fin de semana coa celebración da súa gran gala anual. O evento, que terá lugar o sábado na Casa da Cultura ‘Ramón Martínez López’ de Boiro (comarca da Barbanza), virá marcado polo regreso da normalidade ao calendario galego tras dúas tempadas marcadas pola pandemia. 

Na cerimonia recoñecerase a regularidade no ciclismo galego a través dos sete rankings da Federación Ciclismo Galego (FCG), cun total de 76 gañadores.

Recibirán as distincións de líderes anuais 15 ciclistas de Estrada, 13 de Cross Country Olímpico (XCO), 9 de XCM, 11 de Descenso, 11 de Enduro, dous de Resistencia e 15 de Ciclocrós. Ademais, entregaranse os premios correspondentes á Copa Galiza de Cross Country Maratón (XCM), certame no que non se puido celebrar a última xornada en Viveiro

Recoñecemento público

En conversa con Nós Diario, o presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz, sinala que a gala anual é “a gran festa do ciclismo galego”. Esta cita anual reúne o mellor deste deporte e lembra, ademais, figuras privadas e públicas que apostaron por este deporte.

“Recoñeceremos o traballo de patrocinadores como Cortizo e Administracións públicas como o Concello de Boiro e o seu apoio con carrís bici e escolas deportivas”. Formarán parte destas mencións especiais, Alejandro Marque Porto (Premio á traxectoria deportiva) e Arturo Roig Pereira (Premio como xuíz árbitro). 

No apartado ‘In Memorian’ recordarase as figuras de José Luis Neira Fontao, Benito Carballal e Magín Alfredo Froiz. Por último, lembrarase o 25 aniversario dos clubs ciclistas Meira, Rías Baixas e Valdeorras Bike, ademais de recibir o galardón os mellores equipos no ranking Elite o Padronés Cortizo e o Vigo-Rías Baixas

Mellorar no deportivo

“A nivel federativo, de licenzas e de práctica da bicicleta, o ciclismo medra ano tras ano”, asegura o presidente da federación, que explica esta situación “polos hábitos saudábeis” que viñeron despois da pandemia. “É un medio de trasporte sostíbel e estase traballando ben coas escolas”, sinala Muñiz.

Outra sensación ten do ámbito deportivo. “Hai moito que traballar e temos que facer as rúas e estradas, que son as nosas canchas, seguras”, di, engadindo que a nivel deportivo "o ciclismo galego e o estatal non están nun bo momento".

Comentarios