O ciclismo galego renova os títulos nacionais de estrada

O Campionato da Galiza Elite-Sub-23 renovou os títulos de corredoras e corredores de estrada. Vencen Barros, Belmonte, Mira, Pombo e Patiño. 
Tomás Pombo na meta de chegada en Betanzos (Foto: Federación Galega de Ciclismo).
photo_camera Tomás Pombo na meta de chegada en Betanzos (Foto: Federación Galega de Ciclismo).

O ciclismo galego actualizou en Betanzos a súa nómina de campioas e campións en cinco categorías. A elite María Jesús Barros (Team Oiense Women), o júnior Iván Belmonte (Padronés-Cortizo), a júnior Laura Mira (Supermercados Froiz), o cadete Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) e a cadete Lorena Patiño (Compostelano-Muebles Compostela) fixéronse cos títulos de fondo en xogo. O alto de Velouzás, coñecido popularmente como o Galibier, marcou a resolución de todas as carreiras. 

O Club Ciclista Betanzos volveu exercer de anfitrión, catro meses despois de organizar o Campionato da Galiza Elite-Sub-23 masculino, e nesta ocasión deseñou tres percorridos adaptados ás categorías. En todas as distancias o único porto de montaña atopábase a sete quilómetros da liña de meta. 

O programa de carreiras abriuse coa cadete masculina, de 64 km, na que Tomás Pombo defendía título e revalidouno. O corredor de Carballo conseguiu a vitoria nos últimos metros por diante de Alejandro Crende (Cidade de Lugo-My Bike) e Diego López (Cambre), segundo e terceiro respectivamente. 

A formación de Padrón tamén se fixo co triunfo na proba júnior, a máis longa do día (100 km). O pontevedrés Iván Belmonte acabou rematando o traballo realizado polo seu equipo, que tivo que anular unha escapada de catro corredores. Segundo foi Iago Carou (Jealsa-Barbanza) e terceiro Jorge Díaz (Patria Hispana).

Carreira feminina

As tres categorías femininas que pugnaron polos títulos compartiron pelotón. Nas elites, María Jesús Barros recuperou a coroa. A corredora que a superou o ano pasado en Baños de Molgas, Aida García (BTT Trotacumes), foi a única que aguantou o ritmo da porriñesa.

A categoría raíña resolveuse nas rúas de Betanzos coa ciclista do Team Oiense soltando de roda a súa rival e vencendo por 11 segundos de diferenza. Eva Ortega (Extol) ocupou o terceiro chanzo no podio.

As outras dúas categorías femininas tamén teñen novas campioas. A porriñesa Laura Mira (Supermercados Froiz) adxudicouse a vitoria júnior ante Carmen Mallo (Cambre Caeiro). En canto ás cadetes, Lorena Patiño presentouse en solitario no centro de Betanzos por diante de Lara Fuentes (Cambre).

Comentarios