A elite do ciclismo de montaña de resistencia rétase en Lalín

Campionato de España de BTT de Ultramaratón.
Susana Alonso (centro) é a gran baza galega. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Susana Alonso (centro) é a gran baza galega. (Foto: Nós Diario)

A capital do Deza, Lalín, acolle este domingo o Campionato de España de Ultramaratón (XCUM), unha sempre esixente disciplina que contará coa participación de 240 competidoras e competidores. Ás 7.40 horas da mañá formaranse as grellas de saída para, ás 8, dar o pistoletazo inicial ao Estatal, unha Lalín Bike Race-Xacobeo 21-22 con saída e meta na Praza da Galiza.

Os homes terán que facer fronte a un percorrido de 140 quilómetros e 4.300 metros de desnivel positivo acumulado, mentres que as mulleres competirán sobre un trazado de 121 quilómetros e 4.000 metros de desnivel positivo acumulado.

Non faltarán á cita as vixentes campioas na categoría elite. Así, a mosense Susana Alonso e Fran Herrero defenderán os títulos conquistados o ano pasado en León ante unha gran nómina de candidatas a vestir a camisola de campioa, comandada por José Márquez, Roberto Bou, Manuel Cordero, Ramona Gabriel, Estefanía Gutiérrez ou a pontenovesa María Teresa Barreira, entre outras moitas.

Dous galegos no Europeo de ciclismo adaptado

Mes de maio internacional para os corredores do ParaciclismoGaliza. Despois de participar en dúas probas da Copa do Mundo, o club coruñés recibiu unha dobre citación da selección estatal para o Europeo de Ciclismo Adaptado en Estrada, en concreto para Iván Manoel Montero, na categoría H5, e Damián Ramos, na C5, quen competirán do 25 ao 29 de maio en Austria.  

O seleccionador Félix García Casas, convocou, 21 paraciclistas e o programa de competicións na localidade de Upper arrancará na terza feira, 25 de maio, aínda que o prato forte chegará ao día seguinte coa contra o reloxo individual. 

Comentarios