A XX Volta Ciclista á Galiza consolídase e busca en Manzaneda a súa etapa decisiva

Volve ás estradas galegas a Volta á Galiza. Terá lugar entre o 15 ao 18 de setembro e renderá homenaxe A proba renderá homenaxe ao recentemente falecido Magín Froiz 
Participantes na presentación da XX Volta Ciclista á Galiza, onte, na Cidade da Cultura en Compostela (Foto: Federación Galega de Ciclismo).
photo_camera Participantes na presentación da XX Volta Ciclista á Galiza, onte, na Cidade da Cultura en Compostela (Foto: Federación Galega de Ciclismo).

O mes de setembro está marcado no calendario deportivo do país como o do reencontro do mundo da bicicleta coa súa proba amadora por excelencia: a Volta Ciclista á Galiza. Este ano, ademais, celebra a súa XX edición incorporando novas etapas e mostrando a capacidade de superación após a pandemia.

Competirán 18 equipos cunha clara representación galega. Os 10 clubs ciclistas do país participantes serán Cidade de Lugo, Cortizo, Drone Hopper, Farto, Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Lasal Louriña, Oiense, Retelec Alca, Rías Baixas e CC Vigués. Ademais, rodará na proba por primeira vez un equipo belga: o Basso Team Flandes

A importancia da Volta

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, considera a Volta como “unha das probas máis importantes a nivel estatal” coa suba este ano de categoría até a 1.1, “a máxima que pode lograr o ciclismo amador”. En declaracións a Nós Diario non descarta “medrar nun futuro” tendo en conta as posibilidades do territorio e a boa sintonía entre as Administracións. 

Esta edición tiña prevista unha homenaxe a Magín Froiz coa saída desde Poio, a súa vila natal. O seu falecemento en marzo amplificará a lembranza do fundador do grupo alimenticio Distribucións Froiz, impulsor da creación en 1987 xunto a Evaristo Portela do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, con grandes logros na categoría elite e Sub-23. En concreto, na Volta Ciclista á Galiza logrou a vitoria até en sete ocasións. 

A etapa raíña da montaña

A Volta 2022 terá catro etapas. Iniciarase o 15 de setembro no municipio de Poio e pasará por Meaño, Cuntis, Pontecesures, Catoira e Ribadumia. Continuará o día seguinte en Taboada co percorrido máis longo desta edición ao visitar Monterroso, Portomarín, Sarria, Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos e Chantada. Xa o sábado a carreira trasládase até Manzaneda para realizar a etapa raíña de montaña e pasar pola Pobra de Trives, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e A Veiga.

O remate será en Ponteareas, a vila que reúne cada ano, por historia e afección, o ciclismo galego. Este último día rodarán polas Neves, Fornelos de Montes, Mondariz e Mondariz-Balneario.

O responsábel do deseño da Volta e director técnico da mesma, Jacobo Ucha, explica a Nós Diario que este ano está condicionada “de maneira positiva” pola chegada a Manzaneda. Asegura que será “unha etapa moi dura onde probabelmente se decidirá o gañador”. Aínda así, lembra que “contar con etapas chas na Galiza é moi difícil” polo que este ano tamén haberá que atender á suba ao Alto da Escusa en Poio ou ao Alto de Belesar en Chantada.   

Para Ucha a consolidación da Volta cumpre a función de ser “o punto intermedio entre os ciclistas que sendo amadores aspiran ao mundo profesional”. Pon como exemplo que o gañador da etapa ponteareá do ano pasado ou da propia Volta xa están en equipos profesionais. Valora as novas promesas do país, “sobre todo en categoría feminina”, que tras o “baixón pola pandemia buscan un oco de futuro".

Comentarios