A vitoria en Talavera “libera” polo momento o Dépor

Adrían Lapeña, do Dépor, e Sebas Moyano, do Lugo, analizan os seus respectivos equipos en roldas de prensa.
O central do Dépor, Adrián Lapeña, onte en rolda de prensa (Foto: Dépor).
photo_camera O central do Dépor, Adrián Lapeña, onte en rolda de prensa (Foto: Dépor).

A comparecencia onte de Adrián Lapeña en rolda de prensa serviu para certificar o optimismo que vive estes días o vestiario branquiazul após a vitoria desta pasada fin de semana en Talavera. 

O central recoñeceu que o equipo “liberouse” tras gañar fóra de casa cando levaba dous meses sen gañar os tres puntos  lonxe de Riazor. "Creo que estamos nun momento moi bo. Necesitabamos a vitoria fóra para recuperar esa confianza e a sensación de poder gañar en calquera campo.

Na casa, co empuxe da nosa xente, é máis sinxelo mais ese triunfo fóra dános un pouco de liberación". Lapeña dálle valor tamén á boa serie sen perder.

“Na segunda volta é moi importante sumar para non caer de golpe na clasificación”, afirmou. Para o xogador do Dépor a idea é “ir gañar, mais na cabeza tamén ten que estar o non perder”. 

Lapeña reflexionou tamén ao redor dos beneficios que pode ter para o Deportivo non estar no foco desde principio de tempada e vir desde atrás. “Da situación mala que tivemos, soubemos sacar algo positivo.

Sabiamos que nos tocaba sufrir todo o ano, exixirnos ao 200% para conseguir o obxectivo e pode ser que vernos así todas as semanas, levar na mochila ese sufrimento, fainos ir pasiño a pasiño, darlle máis valor aos partidos”, apuntou o central. 

No Lugo faltan goles

No CD Lugo non están para moitas alegrías. A entrega do trofeo ao mellor xogador lucense do mes, que recaeu en Sebas Moyano, serviu para que o xogador reflexionara sobre a situación do cadro albivermello na clasificación e no xogo. 

Sobre o encontro deste vindeiro domingo no Ciutat de València, Moyano asegurou que "o Levante é un gran equipo, mais, como todos os rivais, ten puntos débiles, e imos tratar de explotalos ao máximo, dando o noso mellor nivel". 

O xogador do Lugo recoñeceu  que "a situación é complicada, mais hai que sacala adiante. Estamos a adestrar ben, é verdade que o resultado non chega, mais estamos a deixar todo para ser máis efectivos” polo que “non imos baixar os brazos".

Neste tema, Moyano considerou que lles "faltan os goles, hai que traballar máis e xerar máis. Sabemos que aí pode estar a chave para saír. Temos marxe de mellora, e creo que en breve verase o crecemento".

Comentarios