Balaídos e Riazor queren acoller o Mundial Ibérico

Abel Caballero afirmou que o estadio do Celta "está na carreira para ser unha das sedes".
Os estadios de Celta e Dépor foron dúas das sedes do Mundial de 1982.
photo_camera Os estadios de Celta e Dépor foron dúas das sedes do Mundial de 1982.

A eleccións dos estadios para a candidatura dun hipotético Mundial ibérico en 2030, organizado conxuntamente por Portugal e o Estado español, está a ser motivo de debate na Galiza.

Riazor e Balaídos preséntanse como posíbeis escenarios e, segundo a prensa española, só as instalacións do Deportivo da Coruña pasarían a primeira peneira para acoller algún dos encontros entre os 14 estadios que participarían por parte da organización española.

Segundo a prensa estatal, os estadios escollidos serían o Camp Nou e Cornellà, en Barcelona; Bernabéu e Metropolitano, en Madrid; A Cartuxa en Sevilla; A Nova Condomina, en Murcia; o Estadio Gran Canaria, en Gran Canaria; A Rosaleda, en Málaga; Mestalla, en Valencia; San Mamés, en Bilbo; Anoeta, en Donosti; A Romareda, en Zaragoza; O Molinón, en Xixón e Riazor, na Coruña.

Os requisitos incluían un mínimo de 40.000 espectadores para a fase de grupos e primeiras eliminatorias, 60.000 para as semifinais e 80.000 para a final.

Caballero afirma que "Vigo pode ser sede"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou esta segunda feira en rolda de prensa que a cidade "está na carreira para ser unha das sedes do Mundial do Fútbol 2030".

O rexedor afirmou que non son certas as informacións publicadas sobre a ausencia de Balaídos na relación de estadios que optan a ser sedes no Mundial e explicou que a Xunta comunicou ao Concello o pasado 7 de xullo que propuxera como sedes, por parte da Galiza, Vigo e A Coruña, en resposta á demanda do Goberno español para que expuxera as alternativas galegas.

Comentarios