O Dépor move ficha e contrata a Óscar Cano como novo adestrador

O club herculino prescinde de Borja Jiménez e en menos de 24 horas anuncia a fichaxe do adestrador andaluz Óscar Cano.
Óscar Cano en Riazor (Foto: Dépor)
photo_camera Óscar Cano en Riazor. (Foto: Dépor)

O Dépor comunicou esta terza feira pola mañá a Borja Jiménez Sáez que non continuaría como adestrador do club. A través dun comunicado difundido polo propio equipo sinalaban que tampouco continuaría na estrutura do club o segundo adestrador, Alejandro Martínez.

“O RC Deportivo quere agradecer moi sinceramente a Borja e Álex a súa aposta e traballo durante o último ano e 49 partidos oficiais á fronte do equipo Deportivista”, sinalaba o anuncio no que tamén se lles desexaba “toda a sorte a nivel persoal e nos seus futuros proxectos profesionais”. 

O extenso currículo de Óscar Cano

Após unha mañá de incertezas, onte o club confirmaba a primeira hora da tarde a contratación de Óscar Cano (Granada, 1972) como novo adestrador. Xunto ao técnico nazarí chegou como segundo adestrador Elías Martí (València, 1977). 

O club herculino xustifica a fichaxe de Cano por contar "cun extenso currículo na terceira categoría do fútbol estatal, onde dirixiu un total de 260 encontros".O novo adestrador do Dépor tivo a súa primeira experiencia co CD Baza no curso 2006-2007. Despois pasou polo Granada CF (2007-2008), o Polideportivo Ejido (2009-2010), a UD Salamanca (2010-11), o UD Melilla (2011-2012), o Betis B (2012-2013) e o CD Alcoyano (até 2015).

Despois dunha etapa como director deportivo da Cultural e Deportiva Leonesa, Cano regresou aos bancos en 2018 co CD Castelló. Na súa primeira campaña salvou ao equipo e sentou as bases para á seguinte lograr o ascenso á categoría de prata do fútbol nacional.

Na Segunda División estivo co cadro blanquinegro na tempada 2020-2021 e pasou ao CD Castelló na 2021-2022. O Dépor anunciou que realizará a súa primeira rolda de prensa hoxe ás 16.30 horas en Riazor.

Comentarios