O conxunto do Morrazo non está asinando o inicio de torneo co que soñaba en verán, pois até o de agora só foi quen de gañar un partido, hai un mes, cando superou Helvetia Anaitasuna no Pavillón do Gatañal por 32-31.
Sumido no antepenúltimo posto da clasificación con catro puntos, dous sobre o fechacancelas (Fertiberia Porto Sagunto), a escuadra dirixida por Nacho Moyano buscará o seu primeiro triunfo a domicilio ás 20.30 horas desta cuarta feira no Pavillón Municipal O Sargal a costa do REBI Balonmán Cuenca.
Situada na zona morna da táboa co dobre de puntos que o Frigoríficos do Morrazo, a formación manchega destaca pola súa efectividade ante o seu público, onde conta os seus partidos por vitorias, vencendo incluso a conxuntos da cabeza como Fraikin Balonmán Granollers.
Ademais, o calendario non dá tregua, e sen apenas tempo para recuperar forzas tras colisionar co Cuenca, o Balonmán Cangas volverá entrar en acción esta fin de semana, concretamente o domingo ás 18.30 horas co Bada Huesca. Como o seu rival de hoxe, o oscense está asinando un mellor desempeño que o galego até o de agora.