O Cangas soña con asaltar os ceos do balonmán

Chegou o día. O Cangas Frigoríficos do Morrazo afronta o reto de participar na segunda Copa do Rei da súa historia co obxectivo de superar os leoneses do Ademar na primeira rolda. De logralo, previsibelmente, disputaría a penúltima eliminatoria contra o máximo favorito ao título, o todopoderoso Fútbol Club Barcelona.
O Cangas ocupa a sexta posición na Liga Asobal con só un punto máis que o seu rival no torneo do KO, o que fala da igualdade entre ambos. (Foto: CB Cangas).
photo_camera O Cangas ocupa a sexta posición na Liga Asobal con só un punto máis que o seu rival no torneo do KO, o que fala da igualdade entre ambos. (Foto: CB Cangas).

26.695 é a cifra de habitantes, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) da poboación mariñeira de Cangas, a única galega e a máis modesta de todas cantas están representadas na XLVII edición dunha Copa do Rei de balonmán que se disputa na localidade andaluza de Antequera e na que se estrea hoxe (15.30 horas) ante Abanca Ademar de León, municipio que conta con 122.051 residentes, cinco veces máis.

Superar os actuais subcampións xa semella misión complicada, aínda que a día de hoxe o Frigoríficos do Morrazo avantaxa a formación leonesa por un punto na clasificación da Liga Asobal, na que ocupan a sexta e a novena posición, respectivamente.

De conseguir o que xa sería unha gran fazaña, nas semifinais agardaría polo Cangas un conxunto saído do duelo entre o primeiro e o segundo clasificado do balonmán estatal: o todopoderosos Fútbol Club Barcelona (1,7 millóns de habitantes) e Helvetia Anaitasuna de Pamplona (208.537 residentes). 

Quizais non teñan o poderío económico e o respaldo dunha gran capital como o resto dos seus rivais, pero a ilusión ninguén gaña á formación do Morrazo nunha segunda aventura copeira que chega cinco anos despois da súa experiencia inaugural no torneo do KO.

A chave do seu éxito está, ademais, nunha nova xeración de talentos famenta de glorias. Cunha media de idade de 25,4 anos, até 11 xogadores non superan a barreira dos 25, e só catro traspasan a dos 30, o que reflicte á perfección a aposta do equipo cangués por formar e desenvolver as promesas do balonmán galego. A explosión das perlas locais, representadas polos David Iglesias, Martín Gayo, Braís González e compañía, ilusiona, e moito, á parroquia do Gatañal.

O seu adestrador, Nacho Moyano, recoñece que "é unha xeración galega que leva moito tempo facendo as cousas moi ben e que ten moito talento; [Iglesias, Gayo e González] son tres xogadores de moitísima calidade, cada un coas súas virtudes, pero que nos axudan moito".

Mais, como se xestiona un vestiario tan novo? Moyano, un dos grandes artífices deste proxecto, explícao do seguinte modo: "Tentamos utilizar en todo momento as súas ganas de mellorar e de querer chegar a ser xogadores da máxima elite, e é relativamente fácil para min porque todo o grupo pon moito interese e gañas".

Con respecto ás posibilidades dos seus homes na Copa, o técnico madrileño, responsábel de devolver o Cangas Frigoríficos do Morrazo á zona nobre na que xa estivo instalado tempadas atrás, afirma: "Quizais carezamos da experiencia, do saber en certos momentos ou do pouso que teñen vestiarios veteranos, pero iso suplímolo con ilusión e traballo".

Xa que logo, queda claro que en Antequera o conxunto galego non se pon límites, mais Nacho Moyano considera que para chegar lonxe resulta imprescindíbel "gozar do camiño, algo fundamental para competir, pois sen iso non se conseguirá o obxectivo".

Comentarios