O Balonmán Cangas soña cun 'déjà vu' da Copa 2022

Debuta na torneo do KO contra o Logroño coa vista posta nas semifinais
O Cangas venceu en León por vez primeira o pasado decembro (Foto: Manu Quiroga / Ademar León).
photo_camera Conscientes da súa condición de 'Cincenta', a ausencia de presión pode repercutir positivamente nas perspectivas do Frigoríficos. (Foto: Manu Quiroga / Ademar León).

Hai pouco máis dun ano, o Cangas Frigoríficos do Morrazo fixo historia logrando a clasificación para as semifinais da Copa do Rei de Balonmán por primeira vez. Agora, regresa ao soño copeiro coa vista posta en dar un paso máis e xogar unha final que un equipo galego non alcanza desde 1995.

Foi, concretamente, o desaparecido Pilotes Posada Octavio de Vigo, un histórico do balonmán galego, o que alcanzou a finalísima do torneo do KO após eliminar o Fútbol Club Barcelona, aínda que fracasou á hora de tratar de facerse co título, derrotado polo Teka cántabro por un axustadísimo 27-25.

Case 30 anos máis tarde, en 2022, retorcida que é a vida, o Frigoríficos do Morrazo, a escuadra que sostén a bandeira do balonmán masculino galego desde a caída en desgraza do conxunto olívico, era eliminada nas primeiras semifinais de Copa que disputaba nos seus 60 anos de vida a mans do Barça (36-28).

Agora, e sabedor de que non colisionaría coa entidade blaugrana até unha hipotética final, o Cangas encara o seu debut na XLVIII edición do torneo -que terá lugar, outra curiosidade histórica, en Santander, fogar do verdugo do Pilotes Posada en 1995- nun choque que xogará ás 18 horas da tarde contra o Logroño.

Os da Rioxa son favoritos tanto polo feito de ter xogado tres finais na última década -todas perdidas- como polos seus dous triunfos sobre os do Morrazo na Liga Asobal, pero se a súa gran estrela -o prometedor e polivalente pivote de 20 anos Javier Rodríguez- non ten un bo día e o veteranísimo porteiro cangués (48 anos) Javier Díaz continúa exhibindo o gran nivel do que vén facendo alarde nos últimos tempos, non é en absoluto descartábel un triunfo galego. De logralo, nas semifinais chocaría co gañador do Valladolid-Sinfín mañá ás 20.30 horas.

O ascenso a Primeira Nacional, en xogo no Porriño

A Federación estatal de balonmán confirmou que a fase de ascenso a Primeira Nacional masculina será no Municipal do Porriño, onde o local Indurpor e o Culleredo deben imporse a outros 22 equipos.

Comentarios