O Atlético Guardés volve á Sangriña contra o Rocasa

O conxunto miñoto recupera os partidos na liga Guerreiras mais sen Júlia Noz que se perderá por lesión toda a tempada.
O Atlético Guardés xogando contra o Bera Bera na Sangriña (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Atlético Guardés xogando contra o Bera Bera na Sangriña (Foto: Nós Diario)

O Atlético Guardés volve ao traballo tras selar, o pasado sábado, a súa clasificación para a primeira final continental da historia do balonmán galego. O regreso á liga Guerreiras estatal será hoxe, na Sangriña, diante do equipo canario do Rocasa (20.45 horas). 

O conxunto miñoto terá que confirmar o seu bo estado de forma tras os cinco triunfos consecutivos das mulleres de Ana Seabra. O Guardés é agora sétimo con 19 puntos.

Por detrás está o Xixón, con 18, e no oitavo lugar, que marca a zona de promoción, atópase o Granollers con 17. Iso si, o colectivo galego ten un partido menos. 

Para este partido, o equipo galego non poderá contar con Júlia Noz que, tras estar tres meses fóra por unha grave lesión, incorporouse para o partido co Bera Bera e rompeu o ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito.

Segundo fontes do club, nos próximos días será intervida cirurxicamente e logo terá por diante un período de convalecencia de entre seis e oito meses. Con esas expectativas, a xogadora catalá non poderá disputar ningún encontro máis esta tempada. É a segunda lesión grave de xeonllo no equipo tras a rotura de menisco de Ángela Nieto.

Concentrarse na liga

A adestradora portuguesa do Guardés acostuma dicir que despois dos partidos “hai 24 horas para gozar vitorias ou lamentar derrotas. Despois toca seguir”. E aínda que o do pasado sábado sexa un dos triunfos máis importantes da historia do club, hai que volver á competición.

“Somos conscientes de que no deporte hai momentos para gozar e outros para enfocarnos nos obxectivos. Temos que ter claro que Europa xa foi hai tres días, que a liga continúa e temos outras metas que cumprir. Estamos concentradas para alcanzalas. Falamos sobre iso e todas temos os pés no chan para seguir adiante”, destaca. 

En relación ao rival que tera diante esta cuarta feira na Sangriña, Seabra desconfía das novidades que trae. “Rocasa tivo cambio de adestrador e dalgunhas deportistas, mais é un dos equipos da liga con mellor lanzamento exterior”, considera a portuguesa. Nunha avaliación xeral tamén sinala que o equipo canario “se relaciona moi ben co pivote, o que lle dá máis recursos ofensivos. Ademais é un equipo que corre moi ben. É moi perigoso”.

Comentarios