O Guardés buscará este sábado unha nova cita coa historia ante o Elxe

A Sangriña encherase para animar o seu equipo no encontro que disputará diante do Elxe. O Atlético Guardés xógase estar na final da Copa de Europa.
Ataque do Guardés nun partido de liga. (Foto: Sportcoeco)
photo_camera Ataque do Guardés no último partido de liga (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés quere seguir facendo historia en Europa e para conseguilo ten que asegurar a vitoria este sábado diante do Elxe na Sangriña (19.30 horas).

O equipo do Baixo Miño é o único galego que conseguiu ter un título ligueiro de balonmán, estivo nunha final de Copa e semifinais en Europa en categoría feminina, ademais de seguir dez anos consecutivos competindo neste continente. 

O conxunto miñoto buscará estar na final da Copa de Europa e para logralo necesita facer valer o gol de renda obtido na cidade ilicitana (22-23) agora no seu campo e coa súa afección. A adestradora das galegas, Ana Seabra, reservou para este partido Patricia Lima e Estefanía Lima, ten a dúbida de Nazaret Calzado e non poderá contar con Júlia Noz por lesión 

Responsabilidade

A adestradora portuguesa do Guardés recoñece sentir “responsabilidade” mais tamén “ambición por conseguir algo tan importante, non só para o club, senón tamén para o pobo. É unha grande oportunidade”. Por ese motivo agarda ter este sábado “un partido especial.

A estratexia e a efectividade dos dous equipos en todas as fases do partido van ser determinantes. Quen estea máis consistente vai gañar. Iso seguro”. 

Seabra afirma que no seu equipo son conscientes de que “un gol non é nada, mais claro que é mellor que traer unha desvantaxe. Xa sabemos que en balonmán pódense pagar caros os erros. Así que hai que entrar ao partido como se a eliminatoria estivese 0-0 e fose unha auténtica final”. 

Diante estará un Elxe que promete batalla até o final. O conxunto ilicitano superou ao Guardés nos dous duelos ligueiros, mais na ida das semifinais cedeu ante as do Baixo Miño. A favor, o Guardés terá o factor diferencial que pode supor xogar nun pavillón cheo.

A propia adestradora das galegas recoñece que A Sangriña vai estar chea e creo que é un plus moi importante para estas deportistas, que se van a deixar todo por darlles unha alegría”.

Comentarios