O Guardés quere seguir sumando contra o Valladolid

As xogadoras do Guardés procurarán continuar cos súa liña de vitorias nos últimos partidos este sábado, no seu partido co Valladolid. Mentres, o Porriño agarda recuperarse o msmo día na súa casa.
Cris Cifuentes, protagonista por ter militado 17 anos no Aula (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cris Cifuentes, protagonista por ter militado 17 anos no Aula (Foto: Nós Diario).

O Atlético Guardés retoma este sábado (19 horas) fronte ao Caixa Rural Aula de Valladolid a competición, tras o parón de seleccións. As do Baixo Miño teñen a inxección de moral que lles deu irse á pausa con tres vitorias consecutivas na liga Guerreiras e o pase a semifinais da Copa de Europa.

Agora, con este encontro, inician un calendario complicado con sete encontros en tres semanas, aínda que coa sorte de que os seis últimos choques da competición serán no recinto guardés. 

Diante do choque deste sábado, a adestradora do equipo galego, Ana Seabra, cre que “é moi importante xogar en casa para conseguir manter o ritmo de vitorias que traemos. É o que queremos”. A técnica portuguesa aproveitou o parón para cargar as pilas, igual que as súas xogadoras.

“O equipo volveu ben, traballando duro e con motivación para o que vén. Sabemos que entramos nunha fase moi importante e estamos con ganas”, especifica. 

O parón deixou boas novas, como a recuperación física ou a clasificación para o Mundial de Paraguai de Pauli Fernández. Con todo, tamén trae unha mala noticia. Patrícia Lima sufriu unha escordadura no seu nocello esquerdo nun adestramento con Portugal.

A lesión impediulle xogar o torneo amigábel de Batalha co seu país e tamén lle privará de competir hoxe. A central lusa é dúbida para o derbi contra o Porriño, mais podería xogar a ida das semifinais da Copa Europea do domingo 19 na pista de Elxe. Tampouco estarán Ángela Nieto, recentemente intervida de menisco, nin Júlia Noz, que entra na fase final da recuperación da súa fascite plantar.

O Porriño buscará recuperarse

Tamén hoxe veranse as caras o Porriño e o Granollers. O equipo catalán atópase nun momento doce tras non perder ningún dos tres últimos partidos. Concretamente, antes do parón, medíronse ao Costa do Sol Málaga, onde o resultado foi 24-24.

Pola súa parte, o Porriño atópase agora atravesando un período difícil. Na última xornada perdeu ante o Caixa Rural Aula (28-23) aínda que continúa na loita polos postos nobres da liga, situándose cuartas cun total de 19 puntos. Porén, o seu adestrador, Ismael Martínez, cre que a chave do partido pasa por “ser sólidas como fomos alí". 

Comentarios