O boleto do Guardés para a fase final da Copa da Raíña está nas Canarias

A clasificación pasa por gañar o Tenerife nas illas.
As galegas son favoritas (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera As galegas son favoritas. (Foto: Atlético Guardés)

O Atlético Guardés estrease este sábado na Copa da Raíña cun encontro correspondente á segunda fase do torneo do KO -quedou exento de participar na primeira pola súa condición de equipo europeo- ás 21.30 hora galega ante o Saúde Tenerife nas Illas Canarias.

De superar esta eliminatoria a partido único a domicilio contra un conxunto que milita na categoría de prata, a escuadra do sur da Galiza lograría a fazaña de estar presente en dez das últimas once fases finais da Copa,  competición da que foi subcampioa o pasado 2022. 

Non obstante, no Guardés non encaran este compromiso coun sorriso, pois consideran que o "lóxico" sería que a organización lles outorgara un boleto directo á parte decisiva pola súa condición de segundo clasificado na Copa do ano pasado, e non, como decidiu a Federación Española, ao campión ligueiro, Bera Bera.

Na Guarda cren que merecían un boleto directo á fase final como vixentes subcampioas copeiras

Non obstante, este choque cun rival de menor entidade -o Saúde Tenerife pena na zona baixa da Segunda División- pode ser ideal para que as pupilas de Abel González enxauguen o mal sabor de boca da derrota a pasada fin de semana contra o Granollers, meta para a que contará con todo o cadro de xogadoras miñotas con excepción das mancadas Julia Nuez e Ángela Nieto.

Con todo, Abel González descartou na rolda de prensa previa ao partido calquera forma de "exceso de confianza" que lles impida obter un boleto para estar entre os días 21 e 23 de abril no pavillón Martín Carpena de Málaga para tratar de levantar o seu primeiro título copeiro.

"Buscaremos que a nosa rutina sexa o máis perfecta posíbel tanto nas finalizacións como no feito de ter poucas perdas e de ser capaces de orientar moi ben o noso enfoque defensivo. Se xogamos como sabemos, a cousa vai ir ben", apostilou González.

Comentarios