Entrevista

Adi Iglesias: "O deporte paralímpico está profesionalizándose e cada ano será máis competitivo"

As deportistas paralímpicas adoitan quedar fóra dos reflectores da atención mediática, como denunciaba nestas mesmas páxinas recentemente o responsábel da Federación Galega de Deporte Adaptado. Non é o caso de Adi Iglesias (Bamaco, Malí, 1999), ouro e prata en Toquio 2020, que cada vez ten maior exposición.
Lucense de adopción, o seu foco está posto nos Xogos de París. (Foto: Europa Press).
photo_camera Lucense de adopción, o seu foco está posto nos Xogos de París. (Foto: Europa Press).

—Nuns días, o 6 de febreiro, celebrará o seu 25 aniversario. Estando en ano olímpico, como é este 2024, é de supor que o seu desexo cando feche os ollos para soprar as candeas do pastel será outra medalla de ouro?
Non, non (ri). Trátase de cousas diferentes para min, o deporte non o é todo. 

—Pero, centrará a súa tempada nos Xogos Paralímpicos de París? Nesa cidade na que, precisamente, o pasado mes de xullo logrou dúas medallas no Mundial, algo que haberá quen interprete como un spoiler do que pode suceder o próximo verán...
Si. Participarei antes en varias competicións, pero como parte do plan de preparación de cara a eses Xogos Paralímpicos. Incluso decidín non ir ao Mundial, que este ano é en Kobe, Xapón, porque a viaxe é moi longa, con moitas escalas e esperas polo medio.

—En que disciplinas das varias nas que vostede compite será da partida nos próximos Xogos?
Teño praza directa nos 100 e nos 400, pero debo validala, é dicir, ser parte de competicións para demostrar que estou en forma. Non hai 200 nos Xogos Paralímpicos, nin tampouco salto de lonxitude, que o practiquei no pasado. Sería unha boa opción para compatibilizar cos 100, porque teñen moito que ver, máis que o 100 é o 400, que son bastante diferentes e resulta bastante difícil preparar as dúas. 

—Unha mágoa que o Comité Paralímpico Internacional (CPI) non teña en conta para o programa dos Xogos esas modalidades.
Si, o é, pero tampouco penso moito niso, porque polo menos teño outras nas que poder participar. Se nos próximos deciden, que oxalá, cambiar e meter a lonxitude e os 200, xenial, pero ao final eu vou facer 25 anos e xa non mudarei moito de probas.

Ademais, o deporte paralímpico está profesionalizándose, a xente cada vez é mellor, hai máis nivel, e dentro de pouco non poderei facer tantas, terei que escoller unha proba na que centrarme. O cal é bo, porque significa que hai unha mellora xeneralizada.

—Nese calendario de eventos preparatorios de cara aos Xogos Paralímpicos, entra nos seus plans ser parte do Estatal de pista curta que se disputará en Ourense entre o 16 e o 18 de febreiro? Lembremos que vostede non só é unha deportista paralímpica, senón que tamén compite con mulleres sen discapacidade, e con moito éxito, como acredita a súa condición de recordwoman galega dos 200 metros listos ao aire libre.
Non. Tampouco estiven no Galego absoluto de pista curta da pasada fin de semana. Este ano non hai indoor para min, o meu obxectivo son os Xogos Paralímpicos, e por iso, se as datas cadran, si que irei ao Galego ou ao Campionato de España de aire libre, pero teño que reducir os picos de forma do ano, que son factores que poden inducir cansazo, fatiga muscular e lesións, e non quero iso, senón que o corpo estea o máis relaxado posíbel.

Iso non quere dicir que o próximo ano non vaia competir en pista cuberta, ou participar no Campionato da Galiza. O ritmo non vai baixar, só dependerá de como me atope e do obxectivo principal que teña cada ano.

—En 2021 cambiou Lugo polo Centro de Alto Rendemento (CAR) Blume, en Madrid. Ten morriña da súa terra?
A adaptación non foi doada, pero agora podo dicir que estou perfectamente aquí: no CAR, nos adestramentos, nos estudos... en todo. Sempre custa cando marchas da casa, e máis no meu caso, que son unha persoa que non gusta dos cambios e quere moverse sempre o mínimo posíbel, pero había que facelo e agora estou moi ben.

Unha figura que transcendeu a pista

A de Adi Iglesias é unha figura que transcendeu o plano deportivo. A súa historia persoal, non por máis veces contada, deixa de resultar emotiva. Pasou boa parte da infancia no seu Malí natal tratando de evitar a persecución que sofren as persoas que teñen albinismo nese país, víndose obrigada a facer as maletas con 11 anos para refuxiarse en España, onde tras un breve paso pola casa do seu irmán acabou durante tres anos nun centro de menores, até que foi adoptada por unha muller de Lugo.

Alí, o contar con só 10% de visión -18% con gafas- non lle impediu desenvolver unha carreira que a levou non só a ser campioa olímpica, senón a tornar nun modelo contra os prexuízos e as barreiras, como así o recoñeceu a Comisión Europea, onde impartiu unha palestra sobre os discursos e os delitos de odio, onde falou sobre a antedita problemática que viven no seu día a día as persoas albinas en Malí.

Comentarios