O paratletismo galego estará presente nos Xogos de Toquio

Tres deportistas xa teñen garantida a súa presenza: Desi Vila, Adi Iglesias e Gustavo Nieves.
Desi Vila ten a marca mínima 'B' en salto de lonxitude. (Foto: Desi Vila)
photo_camera Desi Vila ten a marca mínima 'B' en salto de lonxitude. (Foto: Desi Vila)

Os Xogos Paralímpicos de Toquio 2021 contarán con, polo menos, tres atletas galegas, que xa teñen garantida a súa presenza na maior cita deportiva do planeta.

O último en conseguilo foi o atleta do Real Club Celta Gustavo Nieves, logo de traspasar a liña de meta no pasado maratón de Valencia nun tempo de dúas horas, 27 minutos e 51 segundos. Con esta nova participación, o atleta lucense alcanzará nada menos que a súa quinta presenza olímpica, logo de estar en Sidney 2000, Beijing 2008, Londres 2012 e Rio 2016, o que o converterán no atleta galego con máis participacións olímpicas. 

Até o de agora, o seu logro máis destacado foi a cuarta posición conseguida en Londres na proba dos 5.000 metros lisos, mentres que fóra dos Xogos conta no seu palmarés cun bronce europeo nos 5.000 metros na edición do ano 2012 e outro mundial en París en 2013.

Velocidade e lonxitude da man de Iglesias e Vila

Outra atleta galega presente en Toquio será Adi Iglesias, do Lucus Caixa Rural Galega. Aos seus 21 anos fará o debut na capital nipona chegando como a velocista galega máis importante da actualidade, como certifican a súa condición de subcampioa nos 100 e nos 200 metros lisos do Campionato do Mundo de Dubai 2019 e o seu récord galego absoluto dos 200 metros.

A maiores, outra atleta galega, Desi Vila, estará tamén en Toquio se consegue ratificar a súa selección en próximas competicións, pois conta coa marca mínima 'B' no salto de lonxitude e ten que alcanzar a mínima 'A'.

Desi Vila, que non dispón de ficha nin na Federación Galega de Atletismo (FGA) nin na Real Federación Española de Atletismo (RFEA), debutou a nivel internacional no Europeo de Berlín 2018 e a nivel planetario na Copa do Mundo de Dubai 2019, e agarda poder chegar a competir na modalidade de salto de lonxitude nos Xogos Olímpicos.

Porén, e segundo explicou a Nós Diario, mesmo se podería clasificar para Toquio aínda que non fose quen de conseguir a marca mínima 'A', pois "agora mesmo, tal e como están as cousas, moi poucas persoas a conseguirán, polo que é moi probábel que cunha mínima 'B' sexa abondo". 
 

Comentarios