A Xunta afirma que non hai "informes" para ampliar a declaración BIC do Museo Carlos Maside

O BNG solicita que a declaración BIC do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside inclúa tamén Cerámica do Castro.

O Museo Carlos Maside (Nós Diario).
photo_camera O Museo Carlos Maside (Nós Diario).

A Xunta apelou á necesidade de "informes acreditados" para expor que o conxunto de Cerámica do Castro sexa incluído na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada, algo que, segundo o director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, por agora non existe.

A preguntas dos xornalistas, recalcou que na actualidade non hai "informes acreditados que digan que hai algún elemento máis que deba formar parte dese conxunto".

Así o expresou o director xeral de Cultura ao ser preguntado, nun acto en Afundación na Coruña, sobre o anuncio do BNG de que defenderá esta petición no Parlamento galego, tras facer fincapé na recente incoación para declarar BIC o museo, a cal cualificou de "complexa".

O BNG detallou que solicitou isto para dar resposta, 13 anos despois, a un acordo unánime na Cámara galega e tras "continuadas reclamacións" de colectivos sociais e culturais e institucións.

"Acabamos de facer a incoación BIC do museo e xa se nos pide que ampliemos a declaración", sinalou, á vez que lembrou que para realizar este tipo de iniciativas "hai que ter os informes técnicos adecuados para poder ter todos os elementos de xuízo".

Lourenzo indicou que "despois dun traballo de moitos anos, a nivel técnico chegouse á conclusión de que era o museo o que tiña o carácter sobresaliente".

Con todo, argumentou que "se hai algún tipo de informe ou algún tipo de indicación contrastada e seria que considere que hai outros elementos que forman parte dese complexo que teñen este valor sobresaliente pois estudarémolo".

Murais de Lugrís

Sobre a declaración BIC dos 12 Murais de Lugrís localizados no número 25 da rúa Olmos, na Coruña, Lourenzo indicou que "a execución das accións" neste campo son "responsabilidade do Concello" e non corresponde á Xunta.

"Son bens que xa están catalogados a nivel municipal e, por tanto, a instancia neste caso inspiradora das accións que se van a levar a cabo corre a cargo da institución municipal", recalcou tras engadir que a Administración galega está a prestar "asesoramento técnico e intercambio de coñecemento e información" respecto diso.

Ao mesmo tempo, o director xeral de Cultura fixo referencia ao propietario dos murais. "Non son bens públicos, ten unha parte privada que, por lei, é a primeira responsábel de garantir a conservación dese ben", lembrou.

Respecto ao atraso nas actuacións, resaltou a necesidade de "conxugar a demora dos procedementos administrativos coa urxencia das situacións". "Quero pensar que a administración municipal é consciente da situación na que están eses bens culturais", indicou.

Comentarios