O BNG reclama que a declaración BIC do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside inclúa tamén Cerámica do Castro

A deputada do BNG Mercedes Queixas levará estas cuestións ao Parlamento galego tras a publicación no Diario Oficial da Galicia (DOG) do pasado 11 de agosto da resolución de incoación para declarar BIC o museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada.
A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas. (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG, Mercedes Queixas defenderá no Parlamento galego iniciativas para que o conxunto de Cerámica do Castro sexa incluído na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada.

Ademais, tal como detallou a formación nacionalista nun comunicado, instará a Xunta a velar por que o Laboratorio de Formas sexa "parte activa" na xestión do museo e pedirá que sexa respectado o seu nome orixinal.

Desta forma, Queixas levará estas cuestións ao Parlamento tras a publicación no Diario Oficial da Galicia (DOG) do pasado 11 de agosto da resolución de incoación para declarar BIC o museo.

Así, o BNG detallou que este feito chega para dar resposta, 13 anos despois, a un acordo unánime na Cámara galega e tras "continuadas reclamacións" de colectivos sociais e culturais e institucións.

A continuación, a formación nacionalista remarcou que se sumou "en reiteradas ocasións" a estas reclamacións por causa da deterioración progresiva do edificio e da consecuente afectación á colección museística.

Ese proceso de degradación "tan amplamente coñecido como o silencio desactivador do actual propietario maioritario conivente co do Goberno galego", apuntou Queixas.

"Este inacción comprometerá a memoria da vangarda artística galega, recuperada do exilio, como proxecto cultural singular xestado por dous referentes imprescindíbeis como Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo", lamentou a deputada do BNG.

No Parlamento

O BNG explicou que unha vez aberto o camiño da protección e conservación "xorden algúns interrogantes" que afectan "a columna vertebral" do proxecto museístico.

Unha desas cuestións que Queixas exporá é por que a resolución de incoación BIC modifica o nome orixinal do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside polo de Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside.

Con todo, tamén preguntará á Xunta por que non se inclúe na incoación da declaración de BIC o conxunto de Cerámica do Castro. Neste sentido, defenderá que sexa incluído, e tamén instará o Goberno do PP para velar por que o Laboratorio de Formas "sexa parte activa do museo".

Comentarios