Pontevedra debate sobre o futuro dos museos provinciais

O investigador Luis Grau definiu os retos futuros das pinacotecas provinciais: “non competir” co resto de museos, asesorar aos centros pequenos e potenciar a investigación.
Representantes dos museos reunidos en Pontevedra.
photo_camera Representantes dos museos reunidos en Pontevedra.

O Museo de Pontevedra acolleu onte o seminario Museos Provinciais. Á procura dun relato común no que se desenvolveu un amplo debate sobre a vixencia destas institucións e o lugar que ocupan no sistema museístico galego e estatal. Falouse de retos compartidos, das implicacións da dimensión provincial como ámbito de actuación,  da función investigadora e da necesidade de non competir con outras tipoloxías de museos e de asesorar e servir a outros centros de rango local. 

O responsábel do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey, destacou que a institución pontevedresa está a enfrontarse a un proceso de crecemento que obriga a repensar tamén “o museo que queremos para o futuro”. Ese proceso, dixo, coincide con cambios globais que se están producindo no ámbito xeral dos museos, entre eles a propia definición de museo aportada recentemente polo ICOM, polo que a organización do seminario celebrado hoxe "era necesario e interesante para todas".  

A conferencia máis salientábel da xornada correu a cargo dunha das persoas que máis ten estudado as particularidades das institucións provinciais a nivel estatal, o tamén responsábel do Museo de León, Luis Grau.   

 

Grau destacou que deben reinventarse tanto pola diversidade de museos existente como porque as provincias, nas que tiveron orixe, tampouco teñen o sentido que tiveron. “As provincias foron un invento decimonónico que funcionou ata finais do franquismo con autonomía administrativa importante, pero nestes momentos están superadas polo estado autonómico. Os museos provinciais pertencen a unha administración que non está de moda”, sentenzou. 

Un dos retos que os museos provinciais deben acadar cara o futuro, explicou, é que non deben buscar competir coa súa contorna, e outro é que non só teñen que expoñer permanentemente, senón tamén facer cousas que non se vén cara ao público como redistribuír patrimonio ou asesorar: "saír dos seus muros e lanzarse ás provincias a servir, a poñerse ao servizo da museística provincial que o necesita". 

Na xornada participaron, ademais de Xosé Manuel Rey e de Luis Grau, representantes do Provincial de Lugo, o Provincial de Ourense, da asociación Amigos dos Museos de Galicia,  do Museo de Cádiz, do ICOM España, do Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Granada,  do Museo de Teruel, do Museo Nacional del Prado, e do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira. 

Comentarios