'Cando o tempo acabe', unha curta galega que estará presente no Festival de Cannes

Dirixida polo egresado da Universidade de Vigo (Uvigo) Miguel Gómez Abad, Cando o tempo acabe é unha curtametraxe de ciencia ficción nacida como traballo de fin de grao (TFG) de varios estudantes da Facultade de Comunicación (campus de Pontevedra), que formará parte das programacións tanto do Festival Internacional de Cine de Málaga como dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes.
Fotograma de 'Cando o tempo acabe' (Foto: UVigo).
photo_camera Fotograma de 'Cando o tempo acabe' (Foto: UVigo).

Dirixida polo egresado da Universidade de Vigo (Uvigo) Miguel Gómez Abad, Cando o tempo acabe é unha curtametraxe de ciencia ficción nacida como traballo de fin de grao (TFG) de varios estudantes da Facultade de Comunicación (campus de Pontevedra), que formará parte das programacións tanto do Festival Internacional de Cine de Málaga como dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes.

Farao tras ser un dos traballos seleccionados polo Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), organismo adscrito ao Ministerio de Cultura e Deporte, para o programa 2cool4school, que reúne unha escolma de curtametraxes realizadas por estudantado de universidades e escolas de cinema de toda o Estado.

A súa selección para a terceira edición desta iniciativa permitiu, en primeiro termo, que Cando o tempo acabe sexa unha das 60 obras que integran a programación do Málaga Short Corner, unha das actividades incluídas do Spanish Screening Content, unha programación impulsada pola área de industria do Festival de Málaga, Mafiz, que se presenta como unha plataforma internacional de promoción do audiovisual.

Do mesmo modo, as obras incluídas en 2cool4school formarán parte en maio da programación do ICAA no Short Film Corner, o espazo dedicado ás curtametraxes do Festival de Cannes. Isto posibilitará tamén que a curtametraxe nacida na Facultade de Comunicación forme parte dun catálogo ao que teñen acceso unha serie de profesionais, como programadores e directores de festivais de todo o mundo, nun espazo que complementa a sección oficial e á Quincena dos Realizadores de Cannes.

“Non é unha sección oficial nin competitiva, senón algo complementario ás seccións principais, pero para nós supón un bo golpe de visibilidade”, sinala Goméz Abad, que lembra que a inclusión do seu traballo nesta videoteca posibilitará que “profesionais do sector vexan a curta e poidan pórse en contacto con nós”.

Málaga, primeira parada

Impulsado por primeira vez no 2021, cando unha das curtametraxes escollidas foi El Viaje, da por aquel entón alumna de Belas Artes Claudia Pineda, 2cool4school é un programa promovido polo ICAA co obxectivo de promocionar o talento emerxente. Na súa terceira edición, esta iniciativa asóciase ao Málaga Short Corner de Mafiz e ao proxecto Spanish Screenings, que se enmarca no Plan de Recuperación, Trasformación e Resiliencia, e conta tamén co apoio do ICEX España Exportaciones e Inversiones, entidade pública empresarial do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Desta maneira, 2cool4school levará os traballos de fin de estudos seleccionados tanto a 76 edición do Festival de Cannes, que terá lugar en maio, como ao Festival de Málaga, que inaugurou este sábado a súa 26 edición.

De feito, Cando o tempo acabe proxectarase esta terza feira, xunto a outros traballos incluídos en 2cool4school, nunha das actividades do Spanish Screening Content, no marco do Málaga Short Corner, co obxectivo de pór en valor “o novo talento”.

Un espazo para a visibilidade

A participación da curta tanto en Málaga como en Cannes posibilitará que este traballo poida chegar “a profesionais desta industria, produtores, programadores ou xente do sector”, lembra Gómez Abad.

De aí que, alén do propio feito de poder “participar en dous festivais con notábel prestixio internacional”, este titulado en Comunicación Audiovisual poña o foco na importancia destes espazos como un “lugar de visualización” que pode axudar a “colocar a curta en mercados e outros festivais aos que nos sería moi complexo chegar pola súa propia iniciativa”.

Unha curta nacida nas aulas

Como explica Gómez Abad, o proxecto que rematou converténdose en Cando o tempo acabe arrancou en 2020 e inicialmente ía constituír o seu traballo final no Grao en Comunicación Audiovisual.

Mais a pandemia da Covid-19 obrigou a adiar a rodaxe, de tal modo que o TFG que defendeu en 2021 rematou sendo o guión e a produción dunha curtametraxe que non se rodaría até marzo de 2022. Gravada na cara norte de Manzaneda, nun espazo “inhóspito”, recoñece, trátase dun filme que fai uso da ciencia ficción coa idea de “falar de problemas actuais, como é neste caso o cambio climático, ou de temas máis introspectivos, como poder ser a soidade”.

Cando o tempo acabe é nese sentido unha obra “distópica”, na cal a protagonista, Elba, unha brillante científica, busca “resolver un erro do pasado a calquera costa”, nun “mundo devorado por unha crise climática”.

Seguindo esa idea, a curta outorga un protagonismo especial á propia atmosfera, co propósito de que esta achegue “unha serie de sensacións ao espectador” nunha obra que permite “bastantes lecturas”, como recoñece o seu director.

Ese obxectivo centrou, así mesmo, o traballo desenvolvido tanto no son como na fotografía, dous aspectos que, de feito, centraron os TFG que o pasado curso defendían na facultade o director de fotografía e cor, Jorge Díaz, e o responsábel da banda sonora e son da curta, Juan Garrido.

Estreada en outubro no Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, Cando o tempo acabe era recoñecida en decembro co premio á mellor curta do pasado curso da Máster Class Audiovisual Galego, Agual, que a Facultade de Comunicación promove xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). N

estes meses, este traballo foi así mesmo seleccionado para o Riocce Fright Nighy Film Festival de Rio de Janeiro e para a Mostra de Curtametraxes de Ferrol, así como para “un importante festival de ciencia ficción” en Francia, o Intergalactiques de Lyon, que se desenvolverá en abril.

Comentarios