Música

'Fuliada na Vila': a tradición eléctrica que une Miles Davis e Dorothé Schubarth

"As rapaciñas da vida / eu direi quen elas sone", ouvimos cantar o retrouso, pero ao xeito do jazz, na particular reinterpretación de 'Fuliada na Vila'. Richi Casás ofrece pezas orixinais xunto a adaptacións de melodías do 'Cancioneiro Popular Galego', que recollían as voces da súa avoa Rosa e da súa tía Adolfina, cuxas gravacións completan o repertorio. Conversamos co saxofonista, representante da "xeración pos túnel", sobre o rol da tradición hoxe, a accesibilidade e dixitalización dos arquivos sonoros ou as diferenzas entre torreiro e conservatorio. 
Richi Casás co seu saxo no Arco do Túnel da Vila da Igrexa (Cerceda, 2019) [Foto: Eutropio Rodríguez].
photo_camera Richi Casás co seu saxo no Arco do Túnel da Vila da Igrexa (Cerceda, 2019) [Foto: Eutropio Rodríguez].

Ás veces, as historias que agochan algunhas obras fanas aínda máis valiosas, e non só no plano sentimental. Así acontece co disco que aCentral Folque vén de lanzar na súa colección Zeca: Fuliada na Vila.

O traballo naceu cando o saxofonista Richi Casás deu coas gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recollera na casa de súa avoa Rosa, nas que cantan esta e a súa tía Adolfina. Sobre isto, edifica unha proposta absolutamente innovadora na que conflúen varias fontes, desde as pandeiretas ás orquestras, dos ritmos latinos ao jazz.YDRAY-_EUT3036tres

Dez temas inéditos, algúns orixinais e outros arranxados sobre as recollidas na Vila da Igrexa (Cerdeda) en 1980, que interpreta cunha banda integrada por outras dez músicas: Branca Villares, Carolina Vázquez e Pepa Yáñez (voz e pandeireta), Fran Galán (guitarra), Carlos Santos (baixo), José Ares 'Panete' (batería), Javi 'GDJazz' Pereiro (trompeta), José Luís Miranda (trombón), Gueorgui Oganesian (saxo tenor) e Fran Barcia (acordeón). Ademais, recoñeceremos as voces de Belém Tajes en dúas faixas e o violín de Antía Ameixeiras noutra.

"O máis complicado de compor é ter esa inspiración, case máxica, para obter unha melodía. Como eu xa tiña iso, harmonizar e instrumentar non foi moi difícil", di Casás

Xa desde os anos 90, Casás movíase pola escena do folk e do rock e deu con xente que, como Dubi, Eduardo Méndez, profesor de gaita na Escola Municipal da Coruña, dicía que "co Cancioneiro Popular Galego se entregaran unha cintas de casete con recollidas parciais". Aínda que foi indagando aos poucos, cando iniciou o seu traballo de fin de grao no Conservatorio Superior de Jazz da Coruña volveuse máis urxente ter acceso aos arquivos.

“Fun ao Consello da Cultura Galega e preguntei”, conta. De alí derivárono ao Arquivo Sonoro e puido conseguir -"non sen moitas trabas burocráticas"- as gravacións en MP3. Seis delas completan o repertorio de Fuliada na Vila.

O proceso creativo tivo lugar alá por 2015, para levar eses materiais ao terreo do jazz: "O máis complicado de compor é ter esa inspiración, case máxica, para obter unha melodía. Como eu xa tiña iso, harmonizar e instrumentar non foi moi difícil".

Na saída do túnel

Casás localízase a si mesmo após o que deu en chamar “xeración do túnel”, no propio libro que acompaña o disco. Coloca aquí as persoas nadas despois da Guerra Civil española, "que fixeron unha sorte de túnel para todo o folclore e a cultura tradicional, pois recibírona dos nosos avós pero non transmitiron ese caudal inmenso".2020100816124450600

Este concepto recólleo con grande acerto visual o documental Dorothé na Vila (2020), do que segundo contaban a Nós Diario Olaia Tubío e Alejandro Gándara, o propio Casás foi "detonante" -por certo, proxéctase mañá ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Negreira.

"Ao final do túnel está a miña xeración", engade o músico, "que recibiu o coñecemento desde o outro extremo". Tiveron que beber directamente das avoas porque pais e nais "cambiaran esa cultura por outra urbana, que lles viña imposta con outros modos de vida, de compartir e de xuntarse". Isto, alén da música, esténdese a múltiplas manifestacións e saberes.

A tradición hoxe

No texto, o autor reflexiona sobre o rol que este "corpus bastísimo de cultura" debe desenvolver no futuro. "O papel que xogue hoxe témolo que decidir nós", afirma, "o importante é o noso papel de peneirar e escoller aquilo da tradición que nos convén, nos axuda e nos é útil, ou estético como no caso da música, e desbotar ou deixar para os museos o que non que non queremos". Refírese, por exemplo, a aqueles trazos que teñen que a co machismo ou coa carga homófoba.

"O papel que xogue a tradición hoxe témolo que decidir nós", afirma Casás

Estado dos arquivos

Segundo a súa propia experiencia cos arquivos, Casás considera que "imos un pouco con retraso con respecto a outros países como Francia, que teñen unha gran porcentaxe dixitalizada e a disposición do público". Na Galiza "temos grandes arquivos, en parte dixitalizados, pero non a libre disposición do público", resume.

Destaca o do Patrimonio Oral Inmaterial (APOI), vencellado ao Museo do Pobo Galego, que está a facer un "grande esforzo" a prol do virtual, "con traballo voluntario e sen moitas axudas das Administracións". Mais o maior sería o xa mencionado Arquivo Sonoro, "xestionado por unha gran profesional", pero sen "os medios para dixitalizalo, facer estudos e dispoñibilizalo".

"Temos grandes arquivos, en parte dixitalizados, pero non a libre disposición do público", resume o saxofonista

Así, danse situacións como a que relata no libro: para levar os MP3, que non son orixinais, exixíanlle a sinatura Schubarth, que ela xenerosamente lle proporcionou, mais non é accesíbel a calquera.

"É un patrimonio valiosísimo e hoxe en día é super sinxelo poñelo ao alcance de todas, só con colgalo na rede cun sistema de indexación, que require unha análise para que sexa doado de consultar, cousa que leva máis tempo", opina.

O antano eléctrico

Casás móvese entre a herdanza tradicional e a formación do conservatorio, nun traballo que abanea principalmente -mais non só- entre a música de raíz e o jazz. Dous xéneros nos que a improvisación adquire unha relevancia maiúscula, aínda desde concepcións diferentes.

Cada faceta achégalle algo único. "O torreiro ten esa inmediatez e esa proximidade do mundo popular", di, cunha finalidade moi clara: bailar. "A música clásica ten outro tipo de funcións, de rituais e de requisitos". Con exixencias máis técnicas para a persoa intérprete e certa educación da que escoita, consegue para el "uns puntos emocionais de conexión cun mesmo e co universo aos que non chega a música popular".Folque_FuliadaNaVila_Spotify

Estas dúas vertentes conxúganse na capa do álbum. "A pandeireta é a ferramenta máis importante da cultura popular musical das tres ou catro últimas xeracións", declara. Desde a sinxeleza, "sintetiza todos os instrumentos", cunha versatilidade enorme.

"Chegou á Galiza hai por volta dun século e simboliza a capacidade de adaptación da nosa música", acrecenta. Por outra banda, o azul eléctrico da imaxe fai referencia a un dos imprescindíbeis do jazz: Kind of Blue (1959), de Miles Davis -que no seu seguinte traballo incluía un tema ("The pan piper") inspirado na melodía da "Alborada de Vigo" recollida polo etnomusicólogo Alan Lomax a un afiador galego. Así, como as composicións de Fuliada na Vila, condensa "as linguaxes do tradicional, do arcaico, mesmo do étnico e do milenario, coas do eléctrico e do contemporáneo".

As imaxes empregadas no interior do artigo corresponden, por orde de aparición, ás seguintes descricións: 1. Banda de Fuliada na Vila na Praza da Quintana, 2020 [Foto: Eutropio Rodríguez]; 2. Poesía no túnel, 2017 [Foto: Distrito Xermar]; 3. Capa do libro-CD 'Fuliada na Vila' [Foto: Richi Casás e Hugo L.A. - Imaxefree].

Comentarios